Redes sociais

VÍDEO | Un edil do PP despide o ano cantando o 'Cara al sol'

"É un un novo e lamentábel recordatorio do fracaso da reinserción dos franquistas na nosa democracia", sinalan desde o Foro de Memoria de Guadalaxara, en relación a uns feitos "moi graves" protagonizados por Jaime Celada, ex alcalde popular de Cabanillas del Campo.
O político do PP manchego Jaime Celada co líder da formación a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, nunha imaxe compartida nas súas redes sociais. (Foto: @JaimeCelada vía Twitter)
photo_camera O político do PP manchego Jaime Celada co líder da formación a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, nunha imaxe compartida nas súas redes sociais. (Foto: @JaimeCelada vía Twitter)

A Noitevella é unha das noites máis agardadas do ano por ser, precisamente, a derradeira. O sentimento de euforia apodérase moitas veces dun mesmo durante a festa e con esa inmensa emoción foi capturado polas cámaras un edil do Partido Popular manchego cantando, brazo dereito en alto, o falanxista Cara al sol nun restaurante.

Esas polémicas imaxes correron como a pólvora polas redes sociais e hoxe pouca xente queda no Estado español que non saiba quen é Jaime Celada, concelleiro da formación conservadora en Cabanillas del Campo (Guadalaxara), ex candidato á Alcaldía e rexedor do mesmo municipio entre 2011 e 2015.

Após transcender estes graves feitos, o PP de Castela-A Mancha vén de acordar, esta mesma terza feira, a apertura dun expediente informativo. Así o deu a coñecer o presidente do partido na rexión, Paco Núñez, ao comezo dunha rolda de prensa decorrida en Toledo para dar conta da estratexia política da súa formación de cara ao presente ano electoral.

"Imos iniciar un expediente informativo para analizar o sucedido en Guadalaxara co afiliado Jaime Celada. Xa está en mans do Comité de Garantías", asegurou o propio Núñez.

Xa en resposta a preguntas dos medios, dixo que os órganos do partido "son claros", e agora "haberá que respectar o traballo do Comité de Garantías", que será o que dea conta do traballo que se vai a realizar.

"Non son eu o responsábel da cuestión, eu presido o Comité de Dirección e teño que levar ao Comité unha actitude que eu non comparto. Insisto, non é responsabilidade miña, non presido o Comité de Garantías, e polo número de poboación de Cabanillas non me corresponde a min actuar nestas cuestións, pero é unha cuestión pouco exemplar", precisou.

Desde o Foro pola Memoria Histórica de Guadalaxara apuntaron que se trata dunha cuestión "moi grave" que pode ser obxecto de sanción no marco da Lei de memoria democrática. "Ademais, é un un novo e lamentábel recordatorio do fracaso da reinserción dos franquistas na nosa democracia", engadiu este colectivo.

Comentarios