O BNG exixe "máxima axilidade" nas obras do viaduto do Castro

Olalla Rodil en rolda de Prensa (Foto: Nós Diario).
A viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, lembra que “levamos case tres meses sen poder utilizar unha infraestrutura que é estratéxica para o conxunto da Galiza.

O BNG reclama ao Goberno estatal “a máxima axilidade e a máxima rapidez” no desenvolvemento das obras que se están a acometer na ponte do Castro, na autovía A-6, logo de que esta se derrubara o pasado mes de xuño por causas que, aínda hoxe, seguen sen esclarecerse.

A viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, lembra que “levamos case tres meses sen poder utilizar unha infraestrutura que é estratéxica para o conxunto da Galiza, pero moi especialmente para a poboación de Lugo e moi especialmente tamén para os sectores económicos e produtivos do noso país” que, segundo advirte, “están sufrindo un enorme prexuízo económico polo retraso nas obras desta infraestrutura que conecta Galiza coa Meseta”.

Así mesmo, Rodil lembra que “aínda están por resolver, por esclarecerse, cales son as razóns, as causas, pola que se veu abaixo unha ponte que hai que lembrar ten apenas 20 anos”.

Os motivos do derrubamento

"Desde o BNG seguimos exixindo que se acometan os estudos, as análises e as investigacións que procedan para esclarecer cales foron os motivos polos que se puido producir ese derrubamento", afonda a deputada nacionalista para engadir a continuación que é preciso tamén auditar as demais infraestruturas "que se encontren nunha situación semellante ou que se poidan atopar nunha situación semellante á da ponte do Castro da A-6".

Neste sentido, a viceportavoz do Bloque insiste, “non cansaremos de repetilo”, e incide- en mostrar as sospeitas que rodean a falta de información sobre o acontecido no viaduto.

"Pacto de silencio"

“Moito nos tememos que hai un pacto de silencio entre o PP e o PSOE para tapar cales son as razóns polas que unha infraestrutura tan nova -porque 20 anos para unha autovía non debería ser nada- e non deitar luz sobre a responsabilidade que puidesen ter as empresas construtoras nese derrubamento”, alerta.

Moito nos tememos que hai un pacto de silencio entre o PP e o PSOE para tapar cales son as razóns polas que unha infraestrutura tan nova

“Por iso, o que pedimos é a máxima transparencia e tamén a máxima información para coñecer cales foron as razóns polas que se produciu ese derrubamento e, sobre todo, para impedir que poida volver acontecer e exixirlle as responsabilidades que correspondan ás empresas, se así fose necesario”, conclúe.