O BNG censura no Congreso o ''afán recadatorio'' que persegue o PP ao subir as taxas xudiciais

A deputada Fernández Davila no Congreso
A formación frontista presenta unha emenda á totalidade do proxecto de reforma da segunda instancia que procura Gallardón ao estender os tributos a todas as persoas físicas ou xurídicas, gravando por vez primeira os preitos laborais

O BNG vén de presentar no Congreso español unha emenda á totalidade contra o proxecto de lei polo que o goberno central pretende incrementar as taxas xudiciais e estendelas á cidadanía, gravando por vez primeira a xurisdición social: o dereito laboral.

"É un sistema estabelecido baixo o falso pretexto de evitar a saturación dos xulgados e que porén vai provocar unha diminución da tutela xudicial", valorou a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila.

Considera a formación frontista que a contrarreforma impulsada polo titular de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, "incrementará os gastos en avogado e procurador", e que a súa aprobación se traduciría en que as persoas e as empresas con menos recursos non recorrerán aos tribunais.

Cambadela con afán recadatorio contra o carácter universal da xustiza
Aínda que é certo que as taxas xudiciais no Estado español se volveron implantar xa en 2003 --após erradicalas en 1986 na procura dunha xustiza universal--, hoxe en día están previstas unicamente para volumes de facturación superiores a un millón de euros anuais, polo que só as abonan as grandes empresas.

Aliás, por primeira vez, coa xurisdición civil —preitos entre particulares— e a contencioso administrativa —preitos coa administración pública—, grávase o dereito laboral. A xurisdición penal fica excluída —non tiña taxas e seguirá sen as ter. Así, segundo o texto, un recurso de apelación, que agora custa 300€ para as grandes empresas, pasará a custar 800€ e pagaráos calquera que o interpoña. Un recurso de casación perante o Supremo pasa dos 600€ aos 1.200€.

Entende o BNG, tal e como explicou na Cámara española a súa deputada Fernández Davila, que a saturación do sistema xudicial "debe solventarse con máis medios e coa súa modernización", reprochando que no estado se destina á xustiza "a metade" do orzamento medio calculado na UE e recalcando que ao Executivo de Rajoy "só o asiste un afán recadatorio".