O berro de Nunca Máis volveu á rúa

Lectura do manifesto Nunca Máis
A Plataforma que xurdira tras a catástrofe do Prestige concentrouse diante de Expocoruña o primeiro día do xuízo que depurará as responsabilidades da maior catástrofe ambiental do noso país. É o comezo dunha loita que vai durar meses, tantos como a propia vista da que están ausentes os principais responsábeis políticos daquela marea negra.


Un recinto feiral da Coruña tomado pola policía recibiu a chegada de centos de manifestantes convocados pola Plataforma Nunca Máis. Foron puntuais e antes das once xa se escoitaban os berros de “contra a inxustiza e a impunidade, mareas negras nunca máis”.

As bandeiras negras volveron á rúa coa mesma intensidade que hai dez anos. A razón tamén era a mesma: exixir un xuízo xusto que marque un antes e un despois da catástrofe que marcou o despertar dun pobo.

Tras as pancartas moitas caras coñecidas que tamén estiveran presentes cando comezou a protesta días despois do afundimento do Prestige. “Hai unha dimensión de celebración nesta concentración, hai dez anos a cidadanía foi quen de ser a resposta real á incompetencia”. Xurxo Souto ten claro que grazas á Plataforma mudaron algunhas cousas. “Aínda que a tardanza da xustiza sempre é un fracaso”. O escritor e músico foi o encargado de ler un manifesto no que se pedía xustiza e responsabilidades, outra vez máis.

Tras as pancartas moitas caras coñecidas que tamén estiveran presentes cando comezou a protesta días despois do afundimento do Prestige

“É como unha segunda parte do Prestige, este mundo labiríntico do xuízo”. Manuel Rivas, outro dos protagonistas daqueles meses de chapapote e protesta, non faltou tampouco o primeiro día ao regreso de Nunca Máis. “O xuízo era unha oportunidade de facer algo exemplar no eido medio ambiental, que creara un precedente realmente, que establecera xurisprudencia”. Da mesma opinión é Bieito Lobeira, deputado do BNG, quen pensa que “é unha evidencia de que a xustiza deste Estado español non cumpre coas necesidades nin coas expectativas da propia sociedade”.

Un elemento atmosférico que tampouco faltou nesta concentración de Nunca Máis foi a choiva e con elas os paraugas, outro dos símbolos que deixaron pegada na memoria colectiva deste país. “Non é só unha cuestión de nostalxia ou de memoria, senón sobre todo de futuro: gustaríanos que os que nós facemos responsábeis do ocorrido, o goberno español, pague tamén para que feitos como este non se volvan producir no futuro”.

Nunca Máis no xuízo

A Plataforma Nunca Máis está presente no xuízo do Prestige como acusación e na primeira xornada exixiu a retirada do informe no que se baseou a xuíz instrutora para inculpar a López-Sors, o único representante político imputado. Segundo ese documento, asinado polo enxeñeiro naval Santiago Martín Criado, a causa da catástrofe fora o mal estado do buque e non a decisión de alonxar o petroleiro da costa.

O avogado da Plataforma descubriu que ese mesmo enxeñeiro traballou como asesor do daquela presidente do goberno español, José María Aznar, cando se tomou aquela decisión. Agora vai ser o tribunal quen decida se acepta a retirada ou non deste informe.