A defensa de Mangouras: "O estado español é capaz de darlle un xuízo xusto a Mangouras?"

José María Ruíz, avogado defensor do capitán do Prestige en 2002 desconfía das acusacións "antes do xuízo" por parte das autoridades españolas.

 

Apostolos Mangouras, capitán do petroleiro Prestige, afronta penas de sete anos de prisión por delito contra os recursos naturais e o medio ambiente e polo delito de danos tamén se solicita pena de prisión de cinco anos. Diante ten como acusación ao Ministerio Fiscal, a Plataforma Nunca Máis, a Asociación Arco Iris, Izquierda Unida, o Estado español, a Xunta e varias institucións máis.

Chegou cedo pola mañá case ao tempo que a prensa. Entrou, como no caso dos outros dous acusados, por unha das portas traseiras do recinto onde se esta a celebrar o xuízo. Con aspecto canso, polo menos nos cinco minutos que a prensa gráfica tivo acceso á sala, seguiu as diferentes intervencións a través dun sistema de tradución. O seu avogado defensor, José María Ruíz Soroa, presentou a Mangouras como inocente e cargou contra as autoridades que daquela tiñan responsabilidades políticas.

Para a defensa prodúcese unha situación de "indefensión" que ademais cualifica de "inconstitucional"

"As autoridades marítimas españolas adoptaron decisións equivocadas"
A defensa do capitán do buque, Apostolos Mangouras, solicitou a nulidade do mesmo e sinalou que o Prestige tiña todas as certificacións necesarias para a navegación e que a estrutura estaba nun "aparente" bo estado. Apunta que o seu defendido "adoptou as medidas correctas e negouse a tomar remolque". Segundo afirma José María Ruíz Soroa, avogado da defensa, "a partir do día 14 de novembro as autoridades marítimas españolas asumiron o control do buque e adoptaron decisións equivocadas".

Para a defensa prodúcese unha situación de "indefensión" que ademais cualifica de "inconstitucional" en referencia aos artigos 18 e 24 da Constitución española. José María Ruíz Soroa preguntou diante da sala se "España é capaz de darlle un xuízo xusto a Mangouras?". Diante desta pregunta aporta as declaracións do presidente do goberno español nesas datas, José María Aznar, e do ministro de Exteriores nese intre que afirmaran que Mangouras "era un pirata". 

Por último afirma que na cualificación xurídica das acusacións non existe dolo posto que, segundo o convenio do dereito do mar, só existiría "nos actos realizados desde buques que se atopen fóra do mar territorial do Estado.