Comeza o xuízo do Prestige dez anos despois da catástrofe

Xuízo Prestige
Máis de 40 medios de comunicación acreditados e 198 xornalistas seguen en directo o primeiro día do xuizo pola catástrofe do petroleiro

 

O agardado xuízo polas accións que levaron ao afundimento do petroleiro Prestige comezou hoxe na Coruña. Ademáis da acusación do ministerio fiscal preséntanse máis de 1500 entidades públicas, confrarías de mariñeir@s, asociacións, empresas privadas e persoas físicas contra o daquela capitán do buque, Apostolos Mangouras, o xefe de máquinas do buque, Nykolaos Argyropouros, e o entón Director Xeral da Mariña Mercante, José Luís Lopez-Sors González. 

O ministerio fiscal, xunto a outras tres entidades privadas, mantén a súa acusación só contra o capitán do buque. A asociación Nunca Máis, Izquierda Unida (que non se presentou hoxe ao xuízo) e outras tres entidades acusan tanto o capitán como o Director Xeral da Mariña Mercante. A Asociación ecoloxista Arco Iris e outras 29 entidades, municipios tanto do Estado español como de Francia, acusan os tres encausados. O Estado español, a Xunta, a Deputación da Coruña, o Estado francés e outras sete entidades públicas e privadas escusan a Mangouras e Argyropoulos. A sociedade Mare Shipping dirixe a acusación só a José Luís López Sors e hai unha acusación a título persoal, a de Juan Carlos Corral Quintana.

Os feitos

As primeiras horas do xuízo foron para relatar os feitos acontecidos entre os días 13 e 19 de novembro de 2002, cando o buque petroleiro Prestige acabou afundínsose no mar diante das costas galegas. O verquido posterior das súas 64.000 toneladas de fueloil pesado causou importantes danos económicos.