'MULLERES FLOREIRO'

O alcalde de Sarria recúa e suspende o concurso de Raíña da Festa por culpa ''da intolerancia'' das feministas

Mulleres Nacionalistas Galegas arremeteu contra a organización do evento, ''sexista e anacrónico'' por parte do Concello, gobernado en maioría polo PP

O Concello de Sarria anunciou a suspensión do certame de beleza no que cinco mulleres de 16 a 22 anos competirían por ser a raíña das festas ou unha das súas damas de honra.

Tras as críticas das feministas MNG --Mulleres Nacionalistas Galegas--, que reprocharon do Goberno local a organización deste evento "sexista e anacrónico", o rexedor, José Antonio García (PP), recuou e criticou "a intolerancia dalgunha xente".

Alén disto, García asegurou que as mulleres que tiñan pensado concursar "recibiron coaccións", e considerou o 'espectáculo', no que un xurado avaliaría ás mulleres logo de catro desfiles con distintas vestimentas, de "evento festivo".