'MULLERES FLOREIRO'

Sarria promove un concurso ''sexista e anacrónico'' para escoller unha raíña das festas

Cinco mulleres de entre 16 e 22 anos competirán polo 'título' e para ser damas de honra. Mulleres Nacionalistas Galegas exixe que se suspenda o evento, ''unha exaltación do machismo máis rancio'', e ven ''intolerábel'' que estea organizado polo Concello

Cinco mulleres de entre 16 e 22 anos. Todas traballan. Yulia adora o debuxo. Unha Nuria gosta das viaxes. María xoga ao voleibol. A outra Nuria adestra o equipo local de voleibol. E Sara é siareira de todo canto deporte hai, ademais do cine e dos libros. Mais ningunha destas cuestións importa no concurso no que todas decidiron inscribirse: compiten por ser raíña das festas de Sarria, ou unha das súas damas de honra.

Cando parecía que o discurso de xénero e a loita pola equidade de xénero callara nos últimos anos nas políticas públicas, o Concello lucense --gobernado polo PP con maioría absoluta desde as municipais de maio do 2011-- convoca, despois de quince anos sen facelo, un certame de beleza con catro fases. As mulleres desfilarán en roupa de deporte, con vestimenta 'casual', en uniforme de cóctel e con traxe de noite ante un xurado que lle dará puntos polo seu físico. "Un anacronismo", valoran as Mulleres Nacionalistas Galegas --MNG--. O colectivo arremete contra a decisión do Goberno local de Sarria por promover "espazos onde as mulleres somos concebidas como obxectos decorativos, onde o noso corpo está suxeito a valoración, pónselle un prezo e comercialízase".

Un evento sexista...
As cinco mulleres, de entre as que sairá unha raíña e dúas damas de honra, foron presentadas no consistorio municipal, e o certame celebrarase nunha discoteca con asistencia libre previo pago de 5 euros. Os concursos destas características foran desapacerendo das celebracións festivas a medida que o feminismo foi arrincando bocadiños de igualdade ao sistema patriarcal.

"Mais neste caso recupérase o sexismo; ademais de recrear un ideal de beleza feminina o que se busca e reafirmar os valores morais dominantes", apuntan desde MNG, explicando que nunca unha raíña das festas poderá defender o aborto, o ateísmo, dicirse lesbiana ou erguer o puño a prol dos dereitos sexuais das mulleres. Ser raíña implica 'non pensar'.

... E contra a dignidade das mulleres
Fronte aos argumentos esgrimidos pola organizacións deste tipo de 'espectáculos', que pasan por defender "a estética do pobo" fonte ao canon de beleza que impón a moda ou a publicidade, ou que tamén se fan certames masculinos --cumpriría falar neste punto sobre os atributos tradicionalmente asociados ao rol de 'home', as masculinidades--, a organización feminista exixe a suspensión do certame Raíña das Festas 2012 por consideralo "unha exaltación do machismo máis rancio e un atentado contra a dignidade das mulleres".

Alén disto, tildan de "intolerábel" que a promoción do evento corra a cargo do Concello de Sarria "con impostos dos e das cidadás, unha actividade que nin aporta nada ás festas nin foi nunca unha tradición". E aproveitan para lembrar que as políticas públicas a prol da equidade de xénero van máis aló dos programas e proxectos vinculados á violencia machista e, por suposto, á maternidade.