Nuria: un edificio ilegal, un ERE, un desaloxo e un ictus

Nuria Vázquez, diante do edificio en Arteixo onde comprou o piso.

Nuria investiu todos os seus aforros nun piso en Arteixo. A comezos de 2007 asinou a hipoteca. En marzo daquel ano entrou a vivir pero a casa sufriu unha inundación antes de poder meter os mobles. As cousas empezaron a ir mal. Perdeu o emprego, perdeu a vivenda, sufriu un ictus e quedou sen ingresos. Segue en preitos co construtor, co banco coa única axuda dun avogado que coñeceu na Plataforma do 15-M. Dez anos despois resiste grazas á nai e ao pai, dous pensionistas.

"Estou aquí, case de milagre. Si, pon iso. Pon que despois de todo sigo viva... quedei sen traballo, logo sen casa... ou foi antes o do piso? Non lembro ben, pasaron tantas cousas... perdemos o piso, perdémolos empregos, perdín a miña parella, quedei sen ingresos, perdín a saúde... inda que os médicos din que non me doe, que son cousas que teño na cabeza, a min dóeme. Que queren? Perdín todo e non lembro ben as datas, cando foi, que fixen... Que queres?Ao pouco de entrar no piso foi o da inundación, nin sequera metéramos os mobles. Rebentou todo, o parqué e as portas, e así pasamos meses. Metemos os mobles, si, pero era un piso novo. Os meus aforros. Empezou no 2007, en marzo...”

 

O crac, o son da burbulla rebentando que derrubou empresas, proxectos e vidas, escoitábase xa daquela. Oficialmente, as estatísticas e despois os medios non deron conta da hecatombe até finais do ano seguinte. Pero para Nuria e outras miles de vítimas empezou antes.

“Adiantei 24.000 euros e concedéronos unha hipoteca de 125.525 euros. Compramos en novembro do 2006. Asinamos a hipoteca na oficina do Popular en Vilarrodís. Despois, en marzo, pasou o da inundación. Reclameille ao construtor, o de Doficas, a empresa. Deunos largas. Deume un teléfono dunha aseguradora, pero alí dixéronme que non había ningún seguro. E o construtor: largas... Falei cun avogado na Coruña, Antonio, no 2009, foi quen me alertou de que alí había máis problemas”.

 

O edificio estaba denunciado desde o 2003 por irregularidades (nin licencia de primeira ocupación, nin para parte do garaxe, as alturas...). O Xulgado número 4 de Instrución da Coruña abriu dilixencias en 2004. No 2006 o TSXG sinalou un delito contra a ordenación do territorio polas alturas. No 2010 o xuíz pechou o caso por non apreciar nin delito nin infracción.

 

Nuria ten todo escrito nun caderno. A súa historia non se conta en dous cafés, precisa axuda. Hai que ir ver ao avogado.

 

Un edificio ilegal

 

Pablo topouse con Nuria no 15-M. Nuria ía buscando axuda, zarandeada. Pablo ten unha carpeta, con centos de follas. Hai un documento do Concello de Arteixo.

 

Un informe municipal asinado polo alcalde o 20 de xullo de 2011 que di: “A obra non se axusta á licenza concedida, que parte das obras executadas sen axustarse resultan ilegalizables, e que a pesar de estar notificada á promotora non foi posible o acceso ás vivendas” . O documento pide denegar a licenza de primeira ocupación e incoar o correspondente expediente de reposición da legalidade.

 

O edificio continúa habitado. “O Concello de Arteixo non fixo nada ao respecto. Non sei se pretende dar por prescrito un tema que non pode prescribir”, precisa o avogado.

As datas bailan na cabeza de Nuria. Non é fácil contar unha vida rota. Probabelmente non volverá ter un traballo, un traballo coma os de antes, unha casa, unha vida que lle contar aos netos cando cheguen. “Casei con 20 anos, cumpro o anos o día 10 de xaneiro e o 14 estaba casando, con 20 anos. Separeime no 2002 pero non tiven o divorcio até o 2007, daquela xa estaba convivindo con Pachi”.

 

“Cando Pachi quedou sen traballo, sería no 2013, nin traballo nin ingresos, fomos vivir á casa da súa nai, en Arteixo. Fomos na primavera do 2012, estivemos ata o 2014, despois eu vin para casa dunha amiga, no Nadal do 2014, xa non estaba con Pachi, sigo alí, estanme axudando meus pais, de 73 e 71 anos, xubilados. Terán entre os dous 600 ou 700 el e ela cento e pico de Suíza... botaron oito anos alá, eu nacín alá o 10 de xaneiro do 69 en Zúrich. A nai coidaba de min, el traballaba nunha carpintería e ela antes de terme a min, nunha fábrica de conservas. Regresamos no 73, xusto para empezar o colexio, tiñan un piso comprado na ronda Nelle, na Coruña. Empecei a traballar con 19 anos coidando nenos, despois fun teleoperadora, logo dependenta, e o último en seguridade, sempre na Coruña”.

 

O desaloxo, o ERE, o ictus

 

Nuria consulta o caderno. “Aquí está, o 25 de xaneiro de 2012 presentouse unha comisión xudicial no piso. Ao día seguinte fun ao xulgado mirar os papeis a ver que pasara. Fun con Pachi. Non tiveramos notificación do desaloxo. Despois, en marzo, o avogado de oficio díxonos que era mellor saír do piso para que o xuíz apreciase a nosa boa intención. Marchamos para a casa da nai de Pachi. Falei coa Plataforma do 15-M, presentáronme a Pablo, que me explicou que mentres non rematara a demanda civil que presentaran desde o despacho de Antonio, o meu primeiro avogado, polo asunto das licencias, que non se podía facer nada respecto da hipoteca. Entón, no 2014, empezamos e o piso xa fora a unha poxa. Finalmente vendérono en xaneiro do 2015”.

 

“Falei co director da sucursal, Germán. Era a finais do 2012. Dirixiume a riscos, que che darán solución, dixo. Fun varias veces, e o que me ofrecen é un préstamo persoal de 5.000 euros, máis da metade xa se ían en gastos de tarxeta e de hipoteca, xa quedaban con eles... non estiven de acordo. Non me quitades do apuro, expliqueilles. Desde o principio díxenlle que o edificio estaba sen licencias e que eles non podían ter feito unha hipoteca nesas condicións. Empezaron a chamarme, de empresas de morosos. Chamaban de distintos números, vinte chamadas por día, agresividade, ameazas, non sabía quen eran... empezaron no 2012, a finais, non pararon, hoxe inda recibo. O banco chamou despois nunha ocasión, despois do ictus, cando metín todo no xulgado. Xa non quero saber nada deles”.

 

Nuria traballaba nunha empresa de seguridade, Prosanosa. O último traballo foi no Haley de Oleiros. Levaba desde 2008 na empresa. No 2010 colleu unha baixa. A principios do 2011 a empresa presentou un ERE. Despediron á metade. Nuria empezou cobrando algo menos de 700 euros do desemprego. O 5 de agosto de 2011 sufriu un ictus. Pasou á incapacidade laboral. Foron 18 meses. Déronlle a alta e a comezos do 2013 quedou sen paga. Non volveu traballar. Non volveu recibir axuda ningunha por parte do Estado. Solicitou a RAI e denegáronlla porque non acudiu a unha cita. “Que queren? Estaba con muletas, case paralizada do lado dereito. Pablo está reclamando que naqueles días non tiña mobilidade para ir ao paro”.

 

Nuria sufre a enfermidade de Graves-Basedow. Empezou a estar mal no 2009. A tensión polos problemas do piso. Tivo o ictus, hernias de disco, problemas de circulación, conta. “Co ictus estiven mes e medio ingresada. Hoxe estou con probas no corazón. Cada día peor, dores na perna, hai días que non podo camiñar. Teño depresión”.

 

Pablo denunciou á construtora por estafa. Presentou a denuncia a finais do 2016 e despois un recurso diante da Audiencia Provincial da Coruña. Aí segue. Considera que se pode acreditar que o construtor sabía que non ía obter a licencia, que vendeu os pisos sabendo que non ían ser legalizábeis, “enganando co ánimo de conseguir un beneficio”, mesmo que rexistrou o edificio noutra parcela.

 

O día 10 Nuria cumprirá 49 anos. Ten unha filla. Inda non ten netos. Pero gustaríalle ser avoa, “máis adiante, claro”. Os pais van tirando. A familia e unha historia de xuízos escrita nun caderno con recortes de prensa pegados como para dar conta de que o que pasou foi certo é todo o que lle queda para contar os netos.

 

As fotos son de Erik Dobaño