O número de nacementos na Galiza cae 0,87% en xaneiro malia a repunta a nivel estatal

(Foto: Xunta da Galiza)

Esta cifra contrasta coa rexistrada a nivel estatal, xa que no total do Estado español no primeiro mes do ano anotáronse 27.413 nenos, 1,19% máis.

A Galiza contabilizou un total de 1.142 nacementos o pasado xaneiro, o que supón 0,87% menos que no mesmo mes de 2023, segundo a estimación do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada esta cuarta feira.

Esta cifra contrasta coa rexistrada a nivel estatal, xa que no total do Estado español no primeiro mes do ano anotáronse 27.413 nenos, 1,19% máis.

En canto á idade das nais galegas, a maioría tiña entre 35 e 39 anos, con 376 bebés, seguíndolle o rango de entre os 30 e 34 anos, con 342 nenos e nenas. Unhas 146 mulleres foron nai entre os 40 e os 44 anos en xaneiro, mentres que 186 con entre 25 e 29 anos.

Ademais, sete mozas de entre 15 e 19 anos tiveron un bebé en xaneiro na Galiza; 16 mulleres con entre 45 e 49 anos, así como 2 con 50 anos ou máis.

Pola súa parte, o INE tamén publicou esta cuarta feira a estatística de defuncións. Até a semana 9 deste ano (do 26 de febreiro ao 3 de marzo), faleceron na Galiza 6.579 persoas,  0,98% menos que no mesmo período de 2023.

A nivel estatal, esta cifra foi de 88.789 falecementos, un 0,21% menos que nas nove primeira semanas do ano pasado.

2023 deixou unha marca histórica na Galiza en canto a número de nacementos: 14.103. Nunca, desde que hai rexistros, houbo tan poucos. Hai unha década, 2013, naceran 19.727 crianzas, 30% máis que agora. Ao tempo que os nacementos van a menos as defuncións van a máis nesta década: 32.804 en 2023. Se ben son menos que en 2022 e 2021, son 3.000 máis que en 2013, unha alza de 7,7%.

En 2023 naceron na Galiza 14.103 persoas —só presentan peor taxa Asturies e Canarias— e faleceron 32.804. Isto deixa un saldo vexetativo negativo de 18.701 mortes máis que nacementos. No conxunto do Estado ese saldo negativo foi de 113.256, polo que o país achega 16% desa cantidade, moi por riba do seu peso poboacional no conxunto do Estado, que non chega a 6%. Só en 2022 presenta a Galiza peores datos en crecemento vexetativo (-20.389).

De comparamos con hai unha década, 2013, vemos que daquela o saldo negativo era de 10.706 falecidos máis que nados. En 10 anos, ese crecemento negativo galego aumentou en 74%. En números absolutos, a Galiza liderou en 2023 a lista de territorios cos saldos vexetativos máis negativos, seguida por Castela e León (-16.270) e Andalucía (-13.544).