Medra a diáspora: o número de galegas e galegos no estranxeiro alcanza as 539.972

Unha moza agarda no aeroporto de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
América lidera o total de galegos que viven fóra do Estado español.

A poboación galega residente no estranxeiro aumentou un 1,4% durante 2023, alcanzando así as 539.972 persoas a 1 de xaneiro de 2024, segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), unha cifra que continúa en aumento desde a crise desatada en 2008. 

Desta maneira, en 2024 o 18,4% das persoas con documento de identificación español que reside fóra das fronteiras estatais son galegas. Por circunscricións, 185.832 persoas da Coruña viven fóra, así como 156.889 da de Pontevedra, 76.318 da de Lugo, mentres que na circunscrición de Ourense son 115.933.

As tendencias migratorias históricas da Galiza mantéñense na actualidade. Así, do total de galegas e galegos que residen no estranxeiro, 113.877 viven noutros Estados europeos, destacando especialmente os casos de Suíza, con 41.285 galegas; Alemaña, que hospeda 17.717 galegas; así como Francia, onde hai 19.514.

En América residen máis de 410.590 galegas e galegos. Deles, 182.633 están en Arxentina, 49.970 en Brasil, 46.593 en Cuba e máis 40.260 en Uruguai. Menos son as persoas galegas residentes en África –cun total de 1.051 censadas–, Asia –con 1.439– e Oceanía –2.080 galegas e galegos–. 

Problema demográfico

Aínda que a Xunta da Galiza destacou nun comunicado que o número de emigrantes galegas –persoas que naceron no país e residen no exterior– volveu baixar o ano pasado nunhas 2.861 persoas, o certo é que a poboación galega total que vive no exterior continúa a medrar pola inscrición de descendentes de galegas nacidas xa no estranxeiro.

A estas persoas dirixiu a Xunta a súa estratexia "Galiza retorna", para "facilitar que volvan", confiando así unicamente nas galegas residentes no exterior para solucionar o problema demográfico.