Xa dispoñíbel para ler en liña o número cero de Nós Diario

Na mañá do 30 de novembro o Culturgal daba abeiro a presentación do número cero de Nós Diario e mais do seu semanal, Sermos Galiza. Ante a grande acollida, poñémolo en aberto para quen quixer consultalo.

O número cero de Nós Diario está dispoñíbel para quen quixese lelo en aberto a través da loxa da AS-PG, ao igual que o seu semanal, publicación que acompañará o diario todos os sábados a partir do 2 de xaneiro, día en que Nós Diario comezará a saír á rúa de maneira regular.

Ademais de no Culturgal, onde se puido recoller de balde, as persoas subscritoras, e as que se fagan asinantes nos próximos días, recibirán no seu enderezo postal un exemplar de ambas as publicacións.

No número cero, Nós Diario recolle informacións sobre os orzamentos da Xunta para 2020, sobre as consecuencias de non dispoñer Galiza de competencias en seguridade marítima, sobre a produción de enerxía e sobre os muros descoñecidos que separan distintos países ao longo do planeta, entre outras moitas pezas. Tamén destacan as entrevistas, ao investigador Ángel María Carracedo e á catedrática de Historia da Arte María Victoria Carvalho Calero, así como a axenda de eventos para o mes de decembro.

Nesta publicación poden lerse os artigos de opinión de Comba Campoi, Suso de Toro, María Reimóndez e Miguel Anxo Bastos, aos que acompaña o cadriño de Xosé Lois O Carrabouxo.

Publicación semanal

Coa chegada de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza renóvase e convértese en suplemento fin de semana do diario. Todos os sábados, Nós Diario sairá á rúa acompañado do seu semanal. Neste número cero inclúense amplas reportaxes sobre o Apalpador, con visita ao Courel incluída, e sobre o Estatuto de Autonomía da Galiza, da man dos seus protagonistas. O entrevistado é Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza.

Entre as colaboracións sobre literatura, música, escena e cinema salientan os nomes de Mario Regueira, Marga do Val, Rocío Castro, Rogelio Groba, Manuel Xestoso e Andrés Castro. Os pasatempos e unha das seccións máis exitosas do actual semanario, o Andar e Ver, do Colectivo XEA, completan a publicación.

A próxima vez que Nós Diario saia á rúa será en apenas un mes, o 2 de xaneiro. Será ese día cando se dea a coñecer o diario dixital.

Podes subscribirse ás distintas modalidades dispoñíbeis nesta ligazón.