O novo protocolo Covid do lecer nocturno podería estar en marcha esta semana

A zona de Churruca reúne varios locais de lecer nocturno de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Sanidade sinala que a vacina de reforzo para maiores de 80 anos “está enriba da mesa”. O conselleiro recoñece a falta de persoal na Atención Primaria pero achácaa á falta de profesionais médicos na Galiza e di que a solución está na formación

O novo protocolo Covid para o lecer nocturno prevese que se poña en marcha na semana que vén, se resulta validado polo Comité Clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia e, posteriormente, polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Así o confirmou este domingo 26 de setembro o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha entrevista concedida a Radio Galega e recollida por Nós Diario, en que engadiu ademais que, "sendo fieis ao que o Tribunal Supremo ditou esperan non atopar impedimentos" no estabelecemento do certificado Covid para os locais que asuman o maior nivel de compromiso.

Un certificado que, segundo asegurou Comesaña, "non se descarta" que se acabe empregando noutros ámbitos como as visitas a residencias de maiores ou hospitais, mais matizou que, polo do momento, cinguiranse ao que estipulou o Supremo na súa sentenza.

En relación co lecer nocturno, e preguntado polos sucesos acontecidos en Santiago na pasada quinta feira (con cargas policiais para dispersar mozas e mozos que estaban na rúa pola noite ao feche dunha discoteca), o titular de Sanidade cualificou as imaxes de "preocupantes", pero matizou que "non é a maioría" da poboación a que exhibe eses comportamentos, dixo en referencia á mocidade e o botellón.

É por este motivo que Comesaña quixo trasladar á mocidade que a Xunta "traballa no ámbito do lecer nocturno para que poida escapar das rúas e as aglomeracións".

Precisamente esta semana Xunta e representantes do sector do lecer nocturno reuníronse para avanzar na elaboración do protocolo que ermita a esta actividade reabrir de forma xeneralizada. Encima da mesa e con aceptación por parte do empresariado, aínda que rebaixando as súas expectativas iniciais, está a apertura con 75% de capacidade o e unha hora máis que actualmente, até as 4 horas da madrugada.

Aumento da capacidade dos locais

Respecto do aumento das capacidades dos estabelecementos aprobadas no último Comité Clínico, Comesaña asegurou que se trataba "do paso lóxico", dada a mellora na situación epidemiolóxica. Con todo, insistiu en que na Galiza sempre van con “sentidiño e prudencia", polo que "estudarán seguir avanzando se os datos seguen evolucionando ben".

En canto ás capacidades estabelecidas para os eventos deportivos Comesaña avanzou que "para outubro" poderían revisar as cifras no Consello Interterritorial de Saúde. "Todo parece indicar que a situación vai ir mellorando, así que é probábel que se avance e as capacidades rolden 75%-80%".

Volvendo aos protocolos Covid, o conselleiro confirmou que o do lecer nocturno contará con formación e funcionará dunha forma "similar" ao da hostalaría. En canto á formación para este último sector -que disporá de tres meses para completar os cursos-,  Comesaña sinalou que será en liña e que "contan" que comece esta semana.

Os contaxios no ensino duplican as cifras do curso pasado

"Temos que ser prudentes. De seguir baixando a incidencia acumulada, poderían darse pasos aos que agora mesmo non nos atrevemos”, asegurou Comesaña na entrevista, destacando a importancia de agardar algunhas semanas para valorar o inicio do curso escolar.

Precisamente, Nós Diario informaba no sábado de que, tras as dúas primeiras semanas de curso en Infantil e Primaria, hai 364 casos activos de Covid-19 nos centros educativos, o duplo que hai exactamente un ano (203 máis que na mesma data en 2020). As autoridades sanitarias xa fecharon, cando menos, 17 aulas, mentres as ANPA denuncian as elevadas ratios (até o máximo legal) nas aulas ordenadas pola Xunta, que aumentan a concentración de estudantes por aula e favorecen o contaxio, e recriminan ao Goberno galego o recorte de profesorado e a redución de desdobres respecto ao curso escolar anterior Aliás, a CIG-Ensino criticou ocultación de datos dos contaxios nos colexios, lamentando que se fagan públicos por parte da Xunta cada sete días en lugar de divulgalos diariamente, o que axudaría a protexer en maior grao, indican, o profesorado, o estudantado e as familias ante os surtos de coronavirus.

Feche dos grandes centros de vacinación

Os grandes puntos de vacinación masiva na Galiza fecharán ao redor de 30 de setembro, momento en que a dispensa das doses estará dispoñíbel no ámbito hospitalario.

A decisión tómase ao alcanzar xa 90% da poboación albo vacinada, aínda que fican uns 160.000 galegos e galegas que non acudiron cando foron convocados.

Terceira dose a maiores de 80, sobre a mesa

Unha semana ou semana e media, esa é a previsión de Sanidade para concluír a vacinación da terceira dose nas residencias de maiores da Galiza.

En canto á inoculación da terceira picada aá poboación maior de 80 anos, Comesaña dixo que “a posibilidade está encima da mesa", aínda que sinalou que deberá decidirse a nivel estatal. Sanidade xa pediu ao Estado "que coincida coa vacina da gripe".

Respecto a unha dose de reforzo para aqueles vacinados con Jansen -monodose-, o conselleiro apuntou que "de momento non está contemplado" e dubida, ademais, "de que se tome esa decisión de forma inmediata".

Presencialidade na Primaria, non máis de 60%

Aliás, o conselleiro fixo fincapé en que o obxectivo nas citas de Atención Primaria é estabelecer non máis de 60% de presencialidade e 40% de citas telefónicas.

Sobre as manifestacións convocadas en Vigo para a próxima semana por diferentes colectivos sanitarios e sociais en contra dos recortes na Atención Primaria, Comesaña insistiu en que é "momento de estar orgullos e satisfeitos" co sistema galego de saúde.

"Pasados os peores momentos, volven os discursos vitimistas", afirmou o conselleiro, para quen "falar de recortes ou privatización na Atención Primaria de Vigo é demagóxico". Unhas afirmacións que chegan na mesma semana en que o Goberno da Xunta incidiu -culpando ao Estado- no colapso na Primaria e a falta de persoal e a existencia de listas de agarda.

Comesaña recalcou que lles gustaría ter máis médicos, "pero non os hai”, insistiu, afirmando que para solucionar o problema da Primaria hai que traballar no ámbito da formación.