Novo pico de contaxios que sitúa a Galiza en valores de marzo

As PCR positivas ascenderon en todas as áreas sanitarias con respecto a un día antes, agás na de Ourense (Rosa Veiga / Europa Press)

Segundo a última actualización da web da Consellaría de Sanidade na mañá deste domingo, 18 de outubro, rexistráronse 437 casos nas últimas 24 horas. Vigo, principal foco.

Os contaxios de Covid-19 detectados na Galiza volvéronse disparar por encima dos 400 nas últimas 24 horas, concretamente até os 437, o que supón o segundo pico máis alto da segunda vaga da pandemia e colócase en valores similares de finais de marzo.

Segundo a última actualización da web da Consellaría de Sanidade na mañá deste domingo, con datos até as 18 horas do sábado, as PCR positivas ascenderon en todas as áreas con respecto a un día antes, agás na de Ourense, e fixérono de forma destacada na de Vigo, que se coloca como novo foco ao sumar 101 infeccións nun día.

Tamén subiron os novos casos de coronavirus detectados na área sanitaria de Santiago e Barbanza, até 77 (15); na Coruña, a 66 (9); en Pontevedra e O Salnés, a 54 (15); en Lugo, onde case se duplican, até os 41 novos positivos (19); e en Ferrol, con 20 (1).

A única excepción é a área de Ourense, Verín e O Barco, que até agora era principal foco da pandemia no país con cinco municipios en illamento. Nos datos deste domingo, figura cun total de 78 positivos en 24 horas, case unha vintena menos que un día atrás.

En canto ás altas, na última xornada curáronse 248 pacientes da Covid en toda a Galiza, o que sitúa o total desde o principio da pandemia en 23.326. Ademais, até o momento faleceron 818 persoas diagnosticadas de coronavirus, tras as tres novas vítimas notificadas na tarde do sábado.

Así, os casos activos ─persoas que aínda padecen a enfermidade─ repuntaron en 187 até se situar nos 4.932 este domingo, xa que se rexistraron máis contaxios que altas. De feito, subiron en todas as áreas agás na de Ourense, onde baixaron en 33, até os 1.577 pacientes.

Pola súa banda, A Coruña e Cee sitúase como a segunda área con máis casos activos, con 839, tras unha subida de 32 nun día. Séguena Santiago e Barbanza, con 719 pacientes (33); Vigo, con 708 (76); Pontevedra-O Salnés, con 457 (41); Lugo, con 450 casos activos (25); e Ferrol, 182 infectados (13).

PCR e positividade

Ademais, a web de Sanidade reflicte que até o día de hoxe se realizaron 586.482 probas, o que significa que nas últimas 24 horas se fixeron 6.654 PCR, medio milleiro menos que un día antes. A porcentaxe de positivos no país ascendeu este domingo a 7,3%, por riba do 5,6% do sábado.

A área sanitaria coa positividade das PCR máis alta é Pontevedra-O Salnés, onde se disparou a case o dobre, a 12,7%. Tamén o resto, agás a da Coruña e Cee (4,8%), superan o limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde: Lugo (8,5%), Santiago (7,9%), Ourense (7,7%), Ferrol (7,3%) e Vigo (6,5%).

Residencias de maiores

A respecto da situación nas residencias de maiores, segundo os datos fornecidos pola Consellaría de Sanidade este domingo, rexistráronse tres novos casos da Covid en usuarios da residencia de maiores Ballesol de Oleiros e outros dous na DomusVi de Bóveda.  Ademais, entre os empregados detectouse un caso positivo na residencia de maiores Quercus de Leiro, outro na dos Gozos, así como dous máis na DomusVi de Bóveda.