Os municipios en alerta máxima aumentan a 12 ao se activar en Cangas do Morrazo

As vítimas mortais da epidemia da Covid na Galiza soben a 818 despois do pasamento de tres homes na Coruña, en Ferrol e en Verín.

O número de municipios do país en nivel máximo de alerta, o 3, pola pandemia do coronavirus ascendeu este domingo, 18 de outubro, a 12 despois do ingreso no grupo do de Cangas do Morrazo, onde se detectaron máis de 21 casos positivos por PCR nos últimos sete días.

Desta maneira, Cangas súmase á lista de 11 municipios en nivel 3 pola incidencia do coronavirus, en que tamén figura a cidade de Ourense e a capital do país, Santiago de Compostela, que rexistran máis de 120 e 112 contaxios, respectivamente, en sete días.

Os outros concellos con nivel máximo de alerta pola pandemia por presentar máis de 21 casos confirmados na última semana son A Laracha, Vilagarcía, Ordes, Arteixo, Ames, O Barco de Valdeorras, Verín, Barbadás e O Carballiño.

Mentres, en situación 2 ─na cor laranxa do semáforo do mapa de Sanidade─ sitúanse 17 municipios, dos que 11 repiten no mesmo nivel de alerta con respecto á xornada anterior: Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Culleredo, Teo, Poio, Pereiro de Aguiar, Nigrán e Narón.

Descenso en Carballo e Tomiño

Ademais, súmanse ao nivel 2 os municipios de Vilanova de Arousa, O Porriño e Marín, no suroeste do país, e os de Oleiros, Mesía e Fene, no noroeste. Pola súa banda, Carballo e Tomiño descenden ao nivel 1 e están en cor amarela.

En nivel vermello inclúense os municipios de menos de 50.000 habitantes con 21 ou máis casos novos á semana, mentres que no caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes estabelécese como corte a detección dunha taxa de 112 ou máis casos á semana por cada 100.000 habitantes. No nivel de cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de Covid á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.

Tres falecementos máis

Por outra banda, as vítimas mortais da epidemia do coronavirus na Galiza subiron a 818 despois do pasamento nas últimas horas de tres homes diagnosticados de Covid-19 que estaban ingresados en hospitais da Coruña, Ferrol e Verín. Todos contaban con patoloxías previas.

En concreto, o varón falecido no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) tiña 81 anos, mentres que os outros dous, que morreron no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e no hospital comarcal de Verín, tiñan 80.

Estas tres vítimas mortais que se produciron no sábado súmanse ás sete comunicadas polas autoridades sanitarias na sexta feira. Ademais, na pasada terza feira morreron un total de 11 persoas, a maior cifra diaria notificada por Sanidade desde o 15 de abril, cando a Consellaría informara de 15 decesos. Con estes tres últimos pasamentos, a cifra total desde o comezo da 'nova normalidade' ascende a 199.