Os tests da Covid en farmacias, "unha temeridade"

Unha caixa de test de antíxenos, que xa se puxeran á venda nalgunhas farmacias de Madrid (Óscar Cañas / Europa Press)

O Consello Galego de Colexios Médicos e a Asociación Galega de Enfermaría Familiar cargan contra a Consellaría de Sanidade por permitir estas probas en cinco concellos sen contar co seu asesoramento e "desperdiciando recursos públicos" que deberían ir para "reforzar a atención primaria".

O Consello Galego de Colexios Médicos cualificou de "temeridade" que se realicen tests nas farmacias "sen ter en conta os profesionais médicos", polo que expresou a súa preocupación pola decisión da Consellaría de Sanidade de que os estabelecementos farmacéuticos de cinco municipios (Ourense, Barbadás, O Carballiño, Verín e O Barco) leven a cabo probas de dobre banda.

Nun comunicado emitido este sábado, 18 de outubro, o consello manifesta que os test serolóxicos ou doutro tipo "só son unha parte da avaliación clínica" tanto en casos de Covid como en calquera outra patoloxía, polo que deben ser prescritos sempre por un médico, como estabelece o ordenamento das profesións sanitarias.

Polo tanto, sosteñen que deben ser practicadas na contorna asistencial "adecuada para iso", tendo en conta que a saúde dos pacientes debe prevalecer por encima de todo.

"Parécenos unha temeridade que se realicen estes tests sen ter en conta os profesionais médicos", sinala o colectivo, que tamén advirte da "falsa sensación de seguridade" que un resultado de anticorpos positivo pode inducir na cidadanía.

Nesta liña, censura que "unha vez máis" a Consellaría de Sanidade "obvia" nas súas decisións "a opinión e o asesoramento" dos profesionais médicos, especialmente no impacto que poida ter na práctica asistencial diaria de atención primaria, que xa se encontra "enormemente sobrecargada".

"Situacións moi concretas"

Pola súa banda, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar tamén saíu ao paso da noticia para criticar a medida, que consideran que "desperdicia recursos públicos" que deberían ir para "reforzar a atención primaria".

Neste sentido, consideran que a realización de tests "non pode ser limitada á simple petición" da cidadanía coma se se tratase de "calquera outra proba diagnóstica".

Tamén lembran que os chamados screenings masivos "só" están aconsellados para "situacións moi concretas, moi dirixidos e con poboacións moi delimitadas", todos eles requirimentos "que non se cumpren neste caso".