As restricións vinculadas á Covid-19 anunciadas pola Xunta esta semana relativas ao fechamento perimetral dos concellos de Lobios, Mos e A Pobra do Caramiñal, así como a ampliación do número de asistentes ás reunións en exteriores e interiores, entrarán en vigor na medianoite de mañá sen que haxa ningún cambio respecto ao anunciado na cuarta feira debido ao aval do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).
Ademais, a través da edición dupla do Diario Oficial da Galiza (DOG) de hoxe coñeceuse que haberá máis capacidade para atender á clientela nos comercios e nas actividades turísticas e culturais poderán darse visitas guiadas de até 20 persoas ao tempo (sen contar á ou ao responsábel).
Esta nova a pesar de que o coronavirus segue activo supón un cambio para a actividade quer das e dos guías turísticos, quer dalgunhas empresas de ocio, posto que poderán traballar con máis xente, o que se traducirá nun maior retorno económico. Iso sí, as 20 persoas que non convivan poderán estar xuntas en paseos polo exterior, se ben en monumentos (en interiores) o máximo será de 10 individuos.
Por outra banda, tamén os concellos nos niveis máis baixos das restricións poderán atender nas bibliotecas, museos e outras instalacións culturais ao mesmo número de visitantes, nas mesmas condicións. Isto será aplicábel na maioría de municipios galegos, pois a partir de mañá haberá limitacións só en 20 localidades.
Municipios afectados
O fechamento perimetral pola situación epidemiolóxica vai pesar sobre Lobios uns días máis, pero súmanse a esta situación con restricións na mobilidade e nula actividade na hostalaría Mos e A Pobra.
No nivel alto ficarán Viveiro, Ordes, Ponte Caldelas, Ribeira e Moraña, mentres que no chanzo medio-alto van quedar O Barco de Valdeorras, Ponteareas, Moaña, Cambados, Boiro, Bueu, Cee, Xove, Rianxo, Cervo, Monforte e Vilalba.
"Xudicialización"
Todas estas decisións tomadas coas expertas do comité clínico contan co visto e prace do TSXG, que as apoia até o 12 de xuño, cando está previsto realizar a proba piloto de reactivación do lecer nocturno. O paso dado polo alto tribunal galego, que avala as xuntanzas de seis persoas dentro dos bares e vivendas e de dez participantes en espazos exteriores e as medidas de control na hostalaría como a medición de CO2 e as ceas previa reserva en todo o sector con ese servizo, fai que a Xunta non teña a necesidade de acudir ao Tribunal Supremo.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, tíñase queixado da "xudicialización" da pandemia por ter que estar en constante conversa coa Xustiza ao decaer o estado de alarma. Se ben é certo que é o TSXG o que ten a última palabra, aínda non foi preciso recorrer ao Tribunal Supremo en caso de dúbida sobre medidas que afecten aos dereitos fundamentais da poboación.