Un novo 'macroeólico' de ACS afectaría dúas reservas da biosfera

O parque ficaría moi próximo aos que proxectan Greenalia e BayWa e ao xa operativo de Iberdrola. (Foto: Pedro Sala)
25 son os aeroxeradores que a enerxética ACS busca situar entre os concellos de Bande, Rairiz e Verea, nun 'macroproxecto' eólico que afectaría dúas reservas da biosfera. O colectivo Stop Eólicos denuncia que a compañía comezou negociar no verán coas comunidades de montes sen ofrecer toda a información sobre as súas intencións na contorna.

A división enerxética do Grupo ACS, a multinacional propiedade de Florentino Pérez, prevé instalar un parque eólico de 25 aeroxeradores e unha potencia total de 150 megawatts (MW) nos concellos de Bande, Rairiz de Veiga e Verea. Advírteo a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova, que sinala que representantes dos promotores deste polígono, que din actuar en nome de ACS, mantivo diferentes encontros desde principios do verán con seis comunidades de montes que se verían afectadas pola instalación dos muíños en Rairiz e Verea. "De Bande non temos constancia aínda", sinalan desde o colectivo a Nós Diario.

Estes encontros, explican, foron unha toma de contacto inicial para coñecer a vontade das comunidades e se estarían dispostas, ou non, a recibir nos seus montes estas infraestruturas de xeración enerxética a cambio da gratuidade do subministro eléctrico, segundo as mesmas fontes veciñais.

Porén, os enviados de ACS estarían a obviar nesas xuntanzas parte da información, pois os comuneiros de Verea "só tiñan coñecemento este verán das coordenadas de sete aeroxeradores", os que afectarían esta localidade, mais non se lles informou, "nin pola empresa nin polo Concello", dos outros 18 que tamén conformarían o 'macroparque', precisan desde Stop Eólicos.

Foi no encontro coa comunidade de montes de Congostro, en Rairiz, onde os promotores presentaron o primeiro mapa real das dimensións desta infraestrutura e un modelo de contrato. O Goberno local, en mans do PP, "non informou a veciñanza de proxecto ningún", lamentan desde a plataforma.

Reservas da biosfera

As instalacións previstas na contorna invadirían parte do territorio que abranguen as reservas da biosfera do Xurés-Celanova e Área de Allariz, dous espazos que contan con diferentes figuras de protección como zonas de especial protección para as aves (ZEPA). Aliás, lembra Stop Eólicos, a Unesco salienta o alto valor ambiental e cultural destes lugares.

63 aeroxeradores nunha área de oito quilómetros

O parque eólico que ACS proxecta ficaría moi próximo ao que tramita Greenalia baixo o nome de Fonsanta no Monte Grande, entre Bande e Verea, con doce muíños previstos, así como ao do Monte da Neve —da multinacional BayWa, con sete turbinas— e o parque Vieiro, de Iberdrola —19 aeroxeradores—, o único operativo na actualidade nesta zona.

"As decisións que se tomen en cada un dos concellos, en cada unha das comunidades de montes ou por cada un dos propietarios afectados terán consecuencias para o resto de conveciñas e conveciños", advirte a plataforma, que insta a realizar unha "análise sosegada e informada" por parte das autoridades e a ofrecer á veciñanza "información puntual e precisa".