O TSXG paraliza cautelarmente o parque Bustelo, de Greenalia, nun novo golpe xudicial á política eólica da Xunta

Mapa coas poligonais dos tres parques eólicos delimitadas, os seus aeroxeradores e a subestación de Campelo (Infografía: Nós Diario - Google Maps).
O TSXG xa tomara a comezos de mes a mesma decisión sobre o parque eólico Campelo, que conformaría xunto a Bustelo e Monte Toural, denuncia Adega, un novo caso de "fragmentación artificial" dun único proxecto. Con todo, para facer efectiva a decisión Adega e a PDCC, as entidades recorrentes, deberán abonar un depósito de 20.000 euros no prazo de 15 días para "afrontar posíbeis prexuízos" derivados desta medida cautelar, para o que iniciarán unha campaña de recadación.

Máis un golpe xudicial á Xunta da Galiza no que vai de ano. Após anular en xaneiro o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) o proxecto de repotenciamento do parque eólico Corme, en Ponteceso, e o Supremo ratificar, en febreiro e outubro respectivamente, a anulación das licenzas dos proxectos Sasdónigas —Mondoñedo— e Oribio —Samos e Triacastela—, agora o TSXG vén de paralizar, cautelarmente, o parque Bustelo —Carballo e Coristanco—.

Así o notificou hai escasos minutos a asociación ecoloxista Adega, nun comunicado no que informa de que o recurso presentado contra este proxecto de Greenalia foi estimado pola Xustiza galega.

Adega e a Plataforma pola Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), entidade da que fai parte, recorreran as autorizacións por parte da Xunta dos parques Bustelo, Campelo e Monte Toural, proxectados en Carballo, Coristanco, Santa Comba e Tordoia, ao considerar que se trataba dunha "fragmentación artificial" dun mesmo proxecto, cuestión da que xa informara Nós Diario o pasado ano.

O TSXG xa decretara a comezos de outubro a paralización cautelar doutro dos tres proxectos recorridos e que conforman este complexo de xeración de enerxía eólica, o de Campelo.

O auto, datado do 6 de outubro deste ano, "reitera os argumentos xa esgrimidos" en relación á mesma medida decretada para o proxecto Campelo, apuntan desde Adega, ao entenderen os xuíces que "non se pode ignorar que os defectos de publicación e audiencia que alega a letrada da actora xa deron na estimación de dous recursos nos que, con fundamentos nas mesmas normas, se alegaba tal deficiencia".

Adega e a PDCC amparábanse no seu recurso "na concorrencia da fragmentación artificial dos proxectos, contraria ao dereito comunitario; nas irregularidades en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública dos proxectos, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes, e na súa incompatilidade coa preservación ambiental".

Campaña de recadación

Porén, precisan as ecoloxistas, a efectividade desta suspensión cautelar da autorización do parque Bustelo está condicionada ao depósito dunha "garantía" de 10.000 euros por parte das entidades recorrentes, no prazo de 15 días, a fin de "responder dos prexuízos de calquera natureza que puidesen derivarse da medida cautelar".

Así, deberán reunir un total 20.000 euros nas próximas dúas semanas, para o que esta mesma semana iniciarán unha campaña de recadación colectiva para facer fronte á imposición destas dúas caucións e concretar, deste modo, a paralización temporal do proxecto.