Novo golpe xudicial ao modelo eólico da Xunta: paralizado o polígono Lagoa II, en Zas e Santa Comba

Aeroxeradores no polígono eólico de Sil e Meda, en Esgos (comarca de Ourense). (Foto: Agostime / Europa Press)

A iniciativa da asociación ecoloxista Petón do Lobo, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza paraliza de forma cautelar o polígono eólico Lagoa II, en Zas e Santa Comba, ante indicios de “dano ambiental”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou a suspensión cautelar da autorización dada pola Xunta da Galiza para a posta en marcha do polígono eólico Lagoa II, promovido pola empresa Engasa Lagoa nos municipios de Zas (comarca de Terra de Soneira) e Santa Comba (Xallas), ante a existencia de indicios dun posíbel dano ambiental a ecosistemas da zona.

A decisión adoptada pola sección terceira da Sala do contencioso administrativo do alto tribunal galego, contra a que cabe recurso de reposición, estima a medida cautelar pedida pola asociación ecoloxista Petón do Lobo.

Deste xeito, os maxistrados entenden que o proxecto de Engasa Lagoa provoca "como mínimo" unha "afectación ecosistémica" pola execución das obras no espazo natural debido aos movementos de terras ou a instalación das infraestruturas eólicas.

Argumentan que é "lóxico" concluír que a actividade do parque "por moi pequena que sexa, e non o é" terá impacto nos ecosistemas do lugar, algo do que advirte a asociación reclamante, que inclúe dous informes periciais que conclúen que "o dano ambiental a múltiples especies de flora e fauna está asegurado".

Ademais, rexeitan o argumento do interese público derivado da crise enerxética e a promoción das enerxías renovábeis, que a Xunta xustifica para dar luz verde a este e outros proxectos. Para a sala, isto non pode "prevalecer" cando se trata "de instalar no territorio unha industria da que hai sospeita fundada que podería non respectar o medio ambiente".

Impacto ambiental

Os xuíces dan credibilidade aos documentos achegados por Petón do Lobo, dos que extraen que "polo menos indiciariamente" hai un "potencial efecto dañoso de tipo ambiental". No seu auto, da análise dos informes achegados pola Xunta e a empresa promotora do proxecto, os maxistrados extraen que ambas teñen "escasa percepción do mal que pode supor o seu comportamento, ao tratar de minimizalos [os danos] ou desprestixiar os seus autores".

Por tanto, conclúen que "a mera posibilidade de que se ocasione o evento dañoso" do que, continúan, inciden en que pode suceder a teor das periciais "contundentes" achegadas por Petón do Lobo, motiva a aplicación dunha suspensión cautelar "sen esperar á finalización do procedemento" ante o perigo de que a execución de traballos ocasione os efectos alertados.

"Os intereses empresariais da promotora entendemos que non deben primar fronte o medio ambiente, máxime se temos en conta que a paralización da súa actividade, por cuestión da adopción desta medida cautelar mentres penda este procedemento, previsibelmente non ha de ser por un termo excesivamente dilatado", recalca o tribunal galego.

Tamén xustifica a súa decisión en que, no caso de que os traballos de construción botasen a andar e a xustiza emita unha decisión contraria ao seu desenvolvemento, tería que "desfacerse o feito" para volver "as cousas ao seu estado anterior, o que levaría a cabo con recursos que puidesen ser públicos".