O novo curso, con 150 mestres menos en primaria, infantil e educación especial

Alumnado á entrada dun centro de primaria (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).
A modificación da Xunta do catálogo de infantil, primaria e educación especial recorta 109 unidades e máis de 150 mestras e mestres menos en primaria, infantil e educación especial.

A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade está no albo das críticas da comunidade educativa, acusada ademais de "xogar" coas cifras para o próximo curso 2021-2022, cunha modificación do catálogo de infantil, primaria e educación especial que supón a “redución de 109 unidades e 150 mestras e mestres menos”, segundo denunciou esta segunda feira, 9 de agosto, a central sindical nacionalista CIG nun comunicado público.

Tras o estudo do documento publicado a pasada sexta feira no Diario Oficial dea Galiza, o sindicato trasladou que a eliminación de 127 e a creación de 19 implica un balance de 109 unidades menos nestas disciplinas.

"A Consellaría está a elevar ao máximo o fechamento de unidades e a redución de docentes no ensino primario", advertiu a CIG, que calcula que a modificación do catálogo afectaría perto de 150 mestres.

O sindicato censurou, ademais, que a Consellaría "xogue" coas súas cifras para tentar "enganar á opinión pública" e lamentou que para o Goberno galego a Educación represente "un gasto para cadrar e non un investimento", á vez que siga sen aceptar a negociación e o diálogo para reducir a cociente máxima de alumnado por aula.

"Que todo isto se faga nun curso aínda en plena pandemia e con todas as incertezas, que se faga sen ter en conta as necesidades do alumnado e tamén do profesorado, despois das dificultades e esforzos deste curso, deixa ben clara a falta de sensibilidade da Consellaría coa educación e co ensino público", sinalan.

A central sindical chama así a todos os sectores implicados a "redobrar esforzos" para afrontar esta situación e anima os equipos directivos a adoptar medidas en resposta a estes recortes de persoal, "incluso presentando a dimisión en bloque se non se produce unha rectificación".

Ademais, avanza que estudarán accións e mobilizacións en setembro no caso de que non se produzan estes cambios demandados tanto polos sindicatos como polo resto da comunidade educativa.

Educación, pola súa banda, defendía a pasada sexta feira que o próximo curso haberá "máis unidades en infantil e primaria que no curso anterior á pandemia” e argumentou que se disporá de "todas as unidades precisas para dar resposta ás necesidades do sistema educativo o próximo curso".