O BNG urxe a Educación que "rectifique" e free a "avalancha" de recortes no ensino público

O portavoz de educación, Manuel Lourenzo, censura o "cinismo político" do conselleiro Román Rodríguez e sinala o seu departamento como responsábel dunha nova "labazada" ao ensino público.

Manuel Lourenzo, portavoz de Educación BNG
photo_camera Manuel Lourenzo, portavoz de Educación do BNG.

O portavoz de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, acusou o conselleiro Román Rodríguez de amosar a súa faciana máis "cínica" cando ao mesmo tempo que louba o labor do profesorado durante a pandemia non dúbida en dar unha nova "labazada" ao ensino público con máis recortes. Faino de maneira "raposeira", asegurou, aproveitando o verán para comunicar recortes sen precedentes.

Os datos trasladados desde as xefaturas territoriais e as inspeccións aos centros de ensino, explicou o deputado, revelan recortes en todos os niveis educativos e, no caso da secundaria, poñen as centros  nunha situación límite, "435 prazas menos a respecto do curso pasado e de 189 en comparación con hai dous anos" ao que sumou a supresión de 109 unidades no ensino infantil e primaria.

Neste sentido, referiuse aos anuncios que chegan desde distintas localidades do país e que apuntan recortes tanto de aulas como de persoal docente, "desde Fisterra até a illa de Arousa", con centros como o María Soliño de Cangas que "dun día para outro queda con 42 de 49 profesores".

Rectificación

Desde o BNG, exixen unha rectificación pública do conselleiro porque "os cursos de pandemia tiveron consecuencias no alumnado e para recuperar o tempo e superar as dificultades precisamos medios e persoal". 

"O profesorado e a comunidade educativa non merecen este trato. Pero moito menos merecen que despois de todo o que pasou durante este curso se nos diga que volvemos á senda privatizadora do ano 2019", expuxo Lourenzo, unha referencia que suporía para o ensino público a desaparición de 1.334 profesoressegundo datos da propia Consellaría.

Un recorte, remarcou, de 4,2 % do profesorado do ensino público mentres se incrementou un 5,25 % o profesorado no ensino privado, e preto do 6% o profesorado do ensino concertado.

Así, Manuel Lourenzo incidiu en que non existe ningunha razón para non reducir as ratios nin para seguir cunha política continua de recortes no ensino público galego, e reclamou un "cambio de rumbo" da Consellaría cara unha ensinanza "forte e de calidade".

Comentarios