Novo atraso na chegada dos trens Avril á Galiza: non circularán en marzo

Tren Avril de Talgo. (Foto: Talgo)

Fontes de Renfe e do Ministerio afirman que “non é posíbel” fixar unha data definitiva de inicio do servizo, a diferenza do que prometeu o ministro Puente en xaneiro e corroborou o Goberno español a semana pasada

O operador ferroviario Renfe volverá atrasar de novo a venda de billetes de trens Avril na Galiza ao estar o construtor Talgo realizando aínda probas de "fiabilidade" destes convois, polo que se descoñece aínda o calendario de entrega dos mesmos.

Segundo fontes de Renfe e do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel consultadas pola axencia Europa Press, esta quinta feira levouse a cabo unha reunión de seguimento do proxecto na que estiveron presentes representantes de Talgo, Renfe e Adif (administrador de infraestruturas ferroviarias).

Nela, Talgo indicou que espera dispor "no menor prazo posíbel" de 11 trens de rodadura desprazábel e catro de ancho fixo. Con todo, a empresa non transmitiu "certeza" sobre a marcha do proxecto, que aínda reflicte "ineficiencias e incoherencias".

"Nestas condicións, non é posíbel fixar unha data definitiva de inicio do servizo, á espera de que Talgo confirme a boa marcha de todas as probas de fiabilidade e os calendarios de entrega", indicaron as mesmas fontes, que reivindicaron que, para “facilitar a mobilidade da cidadanía”, Renfe ampliará a venda coa oferta actual até finais de abril (sen incluír os trens Avril).

Respecto diso, apuntaron á "responsabilidade única e exclusiva" que ten Talgo sobre as probas de fiabilidade, polo que tanto Renfe como o Ministerio exixen á compañía a "máxima dilixencia" no proxecto, ao ser a responsábel do proceso de homologación e certificación dos trens.

"Unicamente cando Talgo confirme de forma fidedigna as entregas dos s-106 (Avril), sen deficiencias, Renfe confirmará a futura posta en servizo comercial destes trens e posteriormente iniciará a venda dos novos billetes. A compañía lanzará unha oferta con ‘superprezos’ tanto no corredor Galiza-Madrid como no Asturias-Madrid. Ante as incertezas que transmite Talgo, Renfe decidiu, para facilitar a mobilidade dos cidadáns, ampliar a venda coa oferta actual até finais de abril", subliñaron as fontes consultadas pola axencia Europa Press.

A pesar de todo, Renfe continúa formando aos maquinistas para prepararse para a chegada dos Avril, polo que xa dispón na actualidade de persoal preparado para inicial o servizo, segundo reivindicaron.

Novo atraso

Todo iso despois de que a semana pasada Renfe desbloqueara a venda de billetes para o mes de marzo entre Vigo e Madrid, sen incluír a chegada dos trens Avril á Galiza. A pesar de que nese momento saltaron as alarmas dun novo atraso, fontes da Delegación do Goberno español na Galiza aseguraron que "seguía adiante" a data comprometida para a chegada dos convois.

En concreto, esa data era marzo, xa que o ministro Óscar Puente prometeu en xaneiro, antes das eleccións galegas, que os Avril chegarían ese mes. Con todo, agora coñécese que aínda non hai data de entrega dos vehículos.

Este novo atraso sumaríase aos moitos anuncios anteriores sobre a chegada dos trens Avril ao país, que foron prometidos para o verán de 2022. Con todo, esta data foise alongando no tempo, fixándose para finais de 2023 e despois para o primeiro trimestre de 2024. En xaneiro, Puente dixo que entrarían en funcionamento en marzo, unha data que previsibelmente tampouco se cumprirá.