"Nin nos vendemos nin nos rendemos": novembro de loita e mobilizacións polos dereitos do profesorado

Rosa Silva, de CSIF. Suso Bermello, da CIG-Ensino, e Lois Pérez do STEG. (Foto: Nós Diario).
A CIG-Ensino convoca co apoio de STEG e CSIF protestas nos centros educativos, concentracións nas cidades, unha manifestación nacional o día o 19 e folga o 28.

"O profesorado non se vende". Con este lema a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, anunciou esta quinta feira un novembro de mobilizacións que busca darlle continuidade á xornada de folga que a organización nacionalista convocou o pasado 24 de outubro co apoio de STEG e CSIF.

De novo, representantes destes dous sindicatos acompañaron o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, na presentación dun "novembro de loita" que deseñaron para exixirlle á Consellaría de Educación que rectifique e negocie melloras reais para o ensino público galego.

Misiva ao conselleiro

Nunha carta dirixida esta mesma quinta feira ao conselleiro de Educación, as tres organizacións piden unha reunión presencial con Román Rodríguez e que se reabran as negociacións "para avanzar nos dereitos do profesorado e non traizoar as súas xustas demandas".

Mentres tanto, dixo Bermello, "imos estar presentes nos centros educativos, nas cidades, con carácter nacional e ao longo de todo o mes". Avanzou unha "cadea de traballo sindical" cuxo primeiro elo será visíbel o próximo día 9, quinta feira, con actos de protesta en todas as escolas, institutos e centros de ensino.

A seguir, a terza feira 14 de novembro, terán lugar concentracións nas sete cidades principais da Galiza. "E serán en horario de tarde para permitir a participación de toda a comunidade educativa", remarcou o secretario nacional da CIG-Ensino, "porque aínda que estamos ante un tema eminentemente laboral e cunha proxección clara sobre as condicións de traballo, hai elementos que van máis aló do que é o noso papel como profesorado", xustificou.

Apoio da comunidade educativa

O acordo asinado o pasado 11 de outubro pola Xunta da Galiza e os sindicatos CCOO, ANPE e UXT "para a mellora estrutural do sistema educativo", en palabras do Goberno galego, supón "a renuncia a recuperar o horario lectivo que lle foi roubado a mestres e mestras hai 14 anos e hai 12, ao profesorado do resto de ensinanzas", sostén a CIG-Ensino.

Un acordo "cunha minoría sindical, desprezando a representación maioritaria do profesorado" que "pon un prazo diferido de nove anos para baixar as ratios en Primaria, non fixa o inicio da redución de ratios na ESO e no Bacharelato e nega esa redución na FP, algo tamén afecta ás familias e ao alumnado".

É por iso que contan co apoio do conxunto da comunidade educativa nas mobilizacións urbanas, que terán continuidade o domingo 19 cunha manifestación nacional polas rúas de Santiago de Compostela e, se non hai resposta por parte da Xunta, cunha nova xornada de folga a terza 28 de novembro.

Horarios, ratios e burocracia

Horarios, ratios, burocracia e retribucións centran a loita que a CIG-Ensino encabeza xunto a STEG e CSIF. Piden rebaixar a 19 as horas de docencia en Secundaria e a 23 en Primaria o curso que vén e completar a redución a 18 e 21 horas respectivamente no curso 2025/2026.

No que se refire a cota de alumando por aula, reclaman unha diminución "de máximos e sen excepcións" para todas as ensinanzas a partir do vindeiro curso, de tal forma que en Infantil e Primaria o número de estudantes non sobrepase os 20 e os 25 na ESO, Bacharelato e FP.

Ademais, reclaman medidas concretas para reducir a burocracia, con maior liberación horaria para poder atendela e contratación de persoal administrativo en todos os centros.