Nove accións en cinco días polo dereito ao aborto

[Imaxe: SG]

O BNG convoca seis concentracións na segunda feira en distintos puntos do País; na terza e na quinta feiras é a Plataforma galega polo aborto a que chama á mobilización


A manifestación nacional polo dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos e en prol dun aborto libre e gratuíto, convocada para o 16 de xuño, será o punto álxido após tres semanas de mobilizacións fixadas pola Plataforma galega polo dereito ao aborto e por diversas organizacións que dela fan parte e que servirán para quecer motores de cara ao protesto datado para dentro de dúas semanas. 

Así as cousas, este sábado realizouse unha acción reivindicativa e un reparto informativo en Compostela para facer fronte a un acto "pola familia" organizado polo Concello de Compostela e do cal facía parte a Red Madre. O domingo a delegación da Xunta de Galiza en Vigo ficou "precintada por atacar os nosos dereitos", deixando en evidencia as políticas emprendidas polo Goberno galego.

Segunda feira

Continuando co calendario de mobilizacións, na segunda feira haberá seis en distintos puntos do País e quen convoca é o BNG; serán en Cee (19h, diante do hospital) A Coruña (20.30h diante da delegación do Goberno), Compostela (20.30h nos xardíns do mosteiro de San Martiño Pinario), Ourense (19.30h diante do Chou), Lugo (20h na praza de Santa María) e Vigo (20.30h diante da Colexiata)

Terza feira

Na terza feira a Plataforma polo aborto convoca máis dúas accións: unha concentración en Vigo (farola de Príncipe, 19.30h) e unha manifestación en Compostela que sairá ás 19.30h da Praza de Galiza e que rematará cun escrache diante do Arzobispado cadrando coa conmemoración do Día internacional da saúde das mulleres. As participantes están chamadas a vestiren de lilás e a acudiren con cirios ou candeas, facendo parodia dunha procesión relixiosa, como xa se fixera en Vigo

Quinta feira

Rematamos a semana sen saír de Compostela. O debate no pleno do Goberno municipal dunha moción en prol do dereito das mulleres a interromperen libremente o seu embarazo, presentada polo grupo do PSdG, carrexará unha concentración ás portas de Raxoi convocada tamén pola Plataforma, quen denuncia que a contrarreforma da lei, que preparan en Madrid, suporá "un retroceso de máis de 25 anos nos nosos dereitos" e que devolve as mulleres "á minoría de idade". No Parlamento galego a oposición (BNG, AGE e PSdG) acordaron presentar unha proposición de lei conxunta en que instarán a Xunta a que se dirixa ao Goberno español para que recúe na súa teima de derrubar a lei de prazos aprobada en 2010 para volver aos supostos de 1985.