Sabotaxes por todo o País aos paneis contra o aborto da campaña ultracatólica 'Derecho a Vivir'

Paneis saboteados en varios pontos do País [SG]

Bólas de pintura comezan a tinxir de lilá as publicidades antiabortistas colocadas nas cidades galegas


Ao entrar na súa páxina web, un pop-up convida a colocar o cursor riba dunha letra e suprimila para borrar aos poucos unha lei enteira. Unha 'frikada' coma calquera outra se non fora polo que persegue quen a puxo en marcha. A organización ultracatólica Hazte Oír, a través da campaña 'borraelaborto', convida a ir eliminando "letra a letra" a lei que desde 2010 regula por prazos a interrupción voluntaria do embarazo. 

Con todo, non é esta a única acción que este grupo iniciou co obxectivo de tensionar o debate ao redor do aborto e exixir ao ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, que saque adiante a contrarreforma que proxecta e que devolverá o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo e a súa maternidade a unha situación previa á despenalización de 1985, canto interromper o embarazo se tornou legal nos supostos de violación, malformación do feto e risco grave para a saúde física ou psicolóxica da muller grávida. 

Así as cousas, máis de 150 paneis colocados en cidades de todo o Estado español, tamén na Galiza, reclaman unha lei de "aborto cero". 300 niños mueren cada día como consecuencia del aborto. Derogue cuanto antes la Ley Aído, señor ministro é a mensaxe que, acompañada dunha foto de Gallardón, asinan Hazte Oír e Derecho a Vivir. 

Chaman á sabotaxe

Porén, se as mulleres toparon coa Igrexa á hora de exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos, esta campaña topou coas mulleres e na Galiza comezan a aparecer xa as primeiras sabotaxes aos paneis. De saír adiante o que neles se pide, o aborto voltaría en termos legais a unha situación previa a 1985, pois Gallardón anunciou xa que na súa contrarreforma non se contempla a interrupción do embarazo en caso de malformación do feto. Malia que o ministro español negou calquera influencia da Conferencia episcopal, campañas coma esta deixan constancia de que os bispos teñen moito que escribir nas leis que redacta o PP. 

Alén dos paneis e da acción que convida a "borrar" a lei actual, estes grupos distribuíron tamén videos en que o aborto se compara coa persecución da poboación xudía polo nazismo ou coa escravitude. A resposta: bólas de pintura lanzadas contra os paneis colocados nas cidades a modo de sabotaxe e a convocatoria dunha mobilización nacional que o 16 de xuño andará as rúas de Compostela contra unha lei, a de Gallardón, que non vai reducir o número de abortos mais que si forzará as mulleres con menos recursos a abortaren na clandestinidade.