16 de xuño, protesto nacional en prol do aborto: as mulleres galegas móvense polo dereito a decidir

[Imaxe: Galiza Contrainfo]

Até 50 organizacións convocan unha manifestación en Compostela en defensa da lei actual de 2010 e contra a reforma que pretende impor o ministerio de Xustiza, que carrexará "un aborto diferente entre ricas e pobres, unha volta á minoría de idade das mulleres, unha caza de bruxas do século XXI e o cuestionamento das vidas" das grávidas


"O Goberno do PP fala de protexer a vida durante a xestación, mais abandona as persoas á súa sorte unha vez que chegaron ao mundo". Así o sinala a Plataforma galega polo aborto, unha organización recentemente creada e que agrupa outras 50 do eido político, sindical, feminista, médico e colectivos de mulleres que se opoñen de maneira taxativa á contrarreforma da lei do aborto que ultima o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón.

Malia voltar a unha norma de supostos, o retroceso será máis aló de 1985, pois daquela permitíase a interrupción voluntaria do embarazo naqueles casos en que o feto sufrise algún tipo de malformación, situación que Gallardón pretende criminalizar tamén nun texto legal que rexeitaron, por retrógrado, até sectores do propio PP.

Na Galiza o rexeitamento ficará patente nas rúas. Será o domingo 16 de xuño nunha mobilización nacional en Compostela convocada pola Plataforma polo aborto para se oporen a unha normativa que suporía un incremento dos abortos clandestinos aos que se verían avocadas as mulleres que non poidan pagar o desprazamento e a intervención fóra do Estado español, tal e como teñen subliñado profesionais da xinecoloxía en conversa con Sermos Galiza.

Aliás, subliñan que, contra o que di o Goberno español, prohibir a interrupción voluntaria dos embarazos non vai reducir o seu número. Ao fío, fan fincapé na falta de prevención tomando en conta que a contrarreforma española prevé eliminar a educación sexual e afectiva nas escolas.

A este punto cómpre sumarlle outro non menos preocupante: a proliferación de centros privados finanzados con diñeiro público e que prestan atención á saúde das mulleres e que están xestionados por organizacións afíns ou directamente vinculadas ao Opus Dei, como son todos aqueles que figuran na Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade, publicada pola secretaría xeral de Igualdade e onde figuran Red Madre, Congregación Hijas del Divino Siervo, Rebaño de María, Cáritas, Residencia de las Siervas de la Pasión, Betanía de Jesús el Nazareno ou Dignidad, cuxa ideoloxía ultrarrelixiosa fica clara.