As "novas" medidas da Xunta para previr agresións ao persoal sanitario levan dez anos aprobadas
O plan de medidas para protexer o persoal do Sergas das agresións -acordado antonte polo Consello da Xunta e anunciado polo presidente, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior, para a reforma da Lei 8/2008 de Saúde da Galiza- está na súa meirande parte aprobado e incluído no procedemento de violencia externa que está colgado na páxina web do Sergas logo da súa aprobación por parte da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas en novembro de 2015. Neste protocolo xa se contemplan medidas anunciadas esta semana como novidades por Rueda, como o asesoramento xurídico, o apoio psicolóxico ou mesmo a comunicación destes sucesos á Fiscalía.
No protocolo que o Sergas ten en vigor desde o ano 2015, a Xunta contou con referencias no eido da sanidade pública como das de Andalucía e Euskadi, ademais das recomendacións da Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo, e xa daquela o Sergas informaba da existencia dun convenio de colaboración coa Fiscalía para tratar este tipo de denuncias. O protocolo xa aprobado polo Sergas, e que persoal sanitario denuncia que “na práctica non se aplicou nunca”, mesmo contempla a creación de coordinadores de violencia laboral en cada estrutura de xestión do Sergas, o da área A Coruña-Cee non estivo na última reunión do comité de seguridade.
En declaracións a Nós Diario, María Formoso, presidenta da comisión de centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) -onde o 3 de febreiro se produciu a última agresión a persoal de Urxencias e de seguridade-, cualifica o anuncio de Rueda da reforma da Lei de Saúde da Galiza como unha “medida publicitaria” do Goberno galego diante dunha problemática para a que profesionais do Chuac levan máis dun mes pedindo “medidas de prevención efectivas”. Critica Formoso da Xunta que “nun mes foron capaces de modificar unha lei pero nese mesmo prazo non foron quen de comezar a formación prometida aos profesionais, nin dotar de recursos axeitados os centros sanitarios para darlle saída a esta situación”.
A reforma da Lei 8/2008 anunciada pola Xunta “non é o que nós solicitamos nin o que precisamos”, explica María Formoso, que denuncia que mentres tanto “o persoal sanitario segue sen protocolo, os medios de seguridade nos servizos seguen a ser insuficientes e seguimos sen ter espazos axeitados para atender doentes da área de saúde mental e pacientes potencialmente agresivos nas unidades”.
Desde a comisión de centro, representación legal do persoal, ven “positivamente” que se modifique unha lei de 2008 pero recomendan á Xunta que “deberían centrarse un pouco máis na realidade da situación e dar resposta ao que precisamos, non ao que non pedimos”. A respecto das medidas do plan anunciado esta semana por Rueda, lembran á Xunta de Galiza que “a comisión solicita medidas preventivas”, mentres que a Consellaría de Sanidade “ofrece medidas post agresión”. Explica Formoso a este xornal que “pedimos que se actúe para evitar que pasen as agresións, que son as medidas urxentes e de primeira intervención que hai que aplicar”. As propostas presentadas pola Xunta esta semana e xa recollidas no protocolo do Sergas, di Formoso que “están moi ben e son positivas” pero “seguen sen garantir a seguridade e saúde de doentes, acompañantes e profesionais”.
Desde a comisión de centro do Chuac consideran que a Xerencia da Área Sanitaria neste mes desde a agresión “non está a responder coa suficiente axilidade”. Denuncian que as quendas de seguridade no Chuac eran de sete horas -un só axente de seguridade- e a Xerencia ofreceu “pasar de sete a doce horas de presenza de persoal de seguridade”. Para a comisión de centro “é insuficiente” tento en conta que “as agresións non entenden de quendas de traballo, exiximos presenza as 24 horas”.
Nós Diario preguntou á Consellaría de Sanidade arredor das sancións administrativas anunciadas na reforma da Lei de Saúde e o feito de existir xa este protocolo do Sergas. Ao feche desta información non se obtivo resposta.
Sen comezar as obras no Hospital de Oza
Tamén denuncian desde a Comisión de Centro do Chuac que as obras anunciadas para a semana pasada pola Consellaría de Sanidade no Hospital de Oza (As Mariñas) “non se iniciaron”. Explica María Formoso que neste centro sanitario “xa denunciamos que hai pingueiras e que profesionais están colocando baldes”, pero a pesar dos anuncios mediáticos de Sanidade do comezo das obras de actuación nestes problemas do centro “hai riscos como que esvaren profesionais pero tamén doentes”, denuncia Formoso.
Ás mobilizacións de persoal sanitario no Chuac logo da agresión no do 3 de febreiro teñen seguido anuncios da Xunta que “non se están a facer efectivos”, denuncia a comisión de centro. Sanidade hai tres semanas anunciou a creación dunha nova unidade de hospitalización psiquiátrica no Hospital de Oza centrada en pacientes con patoloxías agudas que requiran hospitalización. Aseguran que as obras no centro non comezaron.
80% das vítimas das agresións na sanidade son mulleres
Segundo os datos oficiais do último informe oficial do Sergas relativos ao ano 2023, rexistráronse na Galiza 460 agresións con 502 profesionais sanitarios afectados e afectadas. As cifras representan un aumento respecto a 2022 de arredor de 50 agresións máis e outros tantos sanitarios. Destas incidencias violentas nos centros sanitarios do país, as cifras do Sergas de 2023 falan de que dous de cada tres son agresións verbais, e a maioría delas non se denunciaron, xa que no balance da Policía Nacional en 2023 só figuran 16 denuncias por agresións a estes profesionais. Outra cifra oficial do Sergas sinala que no ano 2024 até dez traballadores e traballadoras da sanidade pública requiriron asistencia e asesoría xurídica da Xunta nun total de sete procesos xudiciais por casos de violencia -precisamente unha das medidas do plan que agora anuncia a Xunta como novidade para incluír na Lei de Saúde-. Os datos oficiais revelan un perfil destas agresións nas que 80% das vítimas son mulleres profesionais da sanidade -segundo os últimos datos do Sergas de 2023, divulgados por Europa Press-. Os agresores son homes en 60% dos casos, pacientes en 69% e só 24% dos incidentes rexistrados foron provocados por familiares de doentes.


