Persoal do Chuac urxe información e medidas fronte ás agresións
Un cento de persoas secundaron esta quinta feira unha nova concentración ante o complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) para exixir medidas "urxentes" contra as agresións a persoal sanitario e reclamar "acceso á información".
Foi no marco das mobilizacións que manteñen tras o ataque, o pasado 3 de febreiro, con arma branca a un enfermeiro e a un vixiante de seguridade por parte dun paciente con problemas psiquiátricos.
"Imos seguir manifestándonos porque se nos está impedindo o acceso á información por parte desta xerencia", expuxo a presidenta da Comisión de Centro, María Formoso.
"Nin o informe da análise de causa-raíz, a implementación do 'botón do pánico', nin o estado dos protocolos", resumiu. Ademais, argumentou que non teñen "constancia" de que se puxese en marcha a nova Unidade de Saúde Mental no Hospital Marítimo de Oza.
'Conselleiro escoita, estamos en loita' —en alusión ao titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño— ou 'os protocolos, onde están?' foron algúns dos cánticos dos participantes.
Fixérono tras pancartas co lema 'Stop agresións' e portando carteis nos que se podía ler 'SOS' en liña coas que exhibiron en anteriores manifestacións. Ademais, protagonizaron unha sentada na rotonda do hospital coruñes, con protesta ante a porta da xerencia.

