Nova reclamación á Unión Europea por un parque eólico tramitado pola Xunta en hábitats protexidos

Zona na que está proxectado o parque eólico Xesteirón, nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo. (Foto: Petón do Lobo)
Máis unha violación da lexislación por parte da Xunta da Galiza á hora de tramitar un proxecto eólico en áreas protexidas, denuncia a Federación Ecoloxista Galega.

A Federación Ecoloxista Galega (FEG), conformada por unha ducia de entidades como a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Loita Verde ou Néboa, vén de presentar un escrito no Parlamento Europeo para solicitar unha investigación sobre o proxecto eólico de Xesteirón, nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo.

Este parque eólico programa erguer 10 aeroxeradores con 4,5 MW de potencia cada un, e cunha altura de 200 metros.

No caso de que este proxecto acabe por levarse a cabo, acabaría con hábitats protexidos pola Directiva da Unión Europea 92/43/CEE en materia de conservación, o que non impediu que fora tramitado pola Administración, sinalan. Nestre intre, máis de 2.500 aeroxeradores están situados en Rede Natura.

Hábitats especificamente protexidos

A zona na que se pretender executar o parque Xesteirón destruiría hábitats, defende a FEG, especificamente protexidos, como os “ríos dos pisos basal a montano”, “ríos de ribeiras lamacentas con vexetación de Chenopodion rubri p.p. e de Bidention p.p.”, “queirugais secos europeos” e “carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica”, hábitats que a Xunta da Galiza ten identificados nesta rexión, inciden.

A entidade ecoloxista confía en que “o Parlamento Europeo force ao goberno da Xunta ao cumprimento da lexislación europea en materia de conservación”, ou de non ser así que “inicie un expediente sancionador por este incumprimento”.

Lembrando que xa apelaron en “varios proxectos de dubidosa legalidade”, a Federación reitera a importancia de evitar “que se produza a degradación dos máis importantes ecosistemas de montaña”, así como que “se ameace o medio de vida dos habitantes da zona ou os recursos hídricos de todas e todos”.

Alerta polos ecosistemas de montaña

“A proliferación de parques eólicos en zonas de montaña supón unha seria ameaza para a biodiversidade”, apuntan, advertindo do “elevado número de proxectos que se están tramitando” e o seu efecto na flora, fauna, e os recursos das poboacións da contorna.

Con respecto a outros hábitats, no caso dos de montaña “presentan un proceso de evolución especialmente lento e dificultoso”, o que aumenta os efectos sobre o medio ambiente destes parques eólicos.

Por mor das “baixas temperaturas e a acidez que proporcionan aos solos as rocas silíceas sobre as que se desenvolven”, os chans de montaña “acumulan grandes cantidades de materia orgánica que poden contribuír á diminución da concentración do CO2 da atmosfera”.

Freo da Xustiza á proliferación de proxectos eólicos

A FEG fai fincapé en que a “controvertida” produción eólica, “ocupando áreas de especial interese de conservación”, implica que unha vez instalada a infraestrutura é “imposíbel” recuperar o hábitat, polo que o considera “unha cuestión de urxencia a tratar”.

En xaneiro, nunha sentenza pioneira, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou a repotenciación do parque eólico do Roncudo, na parroquia de Corme, en Pontecesures, ao violar a Xunta da Galiza a lexislación comunitaria.

Nesa ocasión, trataron de tramitar pola vía de urxencia ese proxecto e reduciron á metade o prazo para presentar alegacións ao informe de impacto ambiental, e mais non presentaron os informes sectoriais, o que é ilegal baixo as normativas da UE.

A pesar do veredicto, o Goberno está a estudar se recorre a sentenza ao Tribunal Supremo, ao tempo que a oposición de Bloque Nacionalista Galego e Partido dos Socialistas de Galicia denuncia as reincidentes actuacións “irregulares” do Executivo que dirixe Alberto Núñez Feixoo e o Partido Popular.