Nova protesta diante da residencia Mi Casa para exixir un "trato digno" a traballadoras e usuarias

Protesta da CIG fronte á residencia Mi Casa de Pazos de Borbén. (Foto: Nós Diario)
En 2017, unha denuncia da CIG supuxo a apertura dun expediente de Política Social á residencia por sobreocupación, xa que tiña un total de 63 residentes cando só contaba con 58 prazas, 22 delas subvencionadas pola Xunta.

Máis de medio cento de traballadoras, delegados e delegadas sindicais da Confederación Intersindical Galega (CIG) no sector das residencias da terceira idade desenvolveron esta segunda feira unha nova concentración diante da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén para esixir un trato digno tanto ás persoas usuarias como ás traballadoras.

Esta nova mobilización, que chega após as denuncias por maltrato que se veñen de coñecer nas derradeiras semanas, serviu para reclamar a dimisión da conselleira de Política Social, Fabiola García, cuxo departamento é responsábel dun servizo de inspección “que ben non funcionou ou directamente non fixo o seu labor, porque o que acontece neste centro leva anos sucedendo”.

Durante a protesta despregouse unha faixa na que se podía ler 'Residencias e loita por unhas condicións de traballo dignas' e berráronse consignas como 'Trato decente para as dependentes', 'Menos discursos e máis recursos' ou 'Lucía, escoita, estamos en loita', esta última en referencia á propietaria da residencia, Lucía Pedroso, que xa fora expedientada en 2017 tras detectarse sobreocupación no centro.

Ademais de exixir a dimisión de Fabiola García, o sindicato fixo varios requirimentos por incumprimentos en relación ao persoal de enfermaría e cociña, ademais de instar a manter un estado óptimo de limpeza e salubridade, indicando que o menú debe de estar supervisado en dietética e nutrición e en perfecto estado de conservación e que as comidas deben darse en horarios razoábeis.

Do mesmo xeito, requiríronlles os rexistros das actividades básicas da vida diaria (ABVD). “Aínda así non ordenou o seu peche, sendo responsabilidade súa o que alí acontece por ser a encargada directa da inspección dos centros da terceira idade, polo que estendemos que ten que abandonar o seu cargo”.

Denuncia da CIG en 2017

En 2017, unha denuncia da CIG supuxo a apertura dun expediente de Política Social á residencia por sobreocupación, xa que tiña un total de 63 residentes cando só contaba con 58 prazas, 22 delas subvencionadas pola Xunta.

A irregularidade fora constada pola propia Garda Civil, que acudira ao centro a instancias da inspectora autonómica e atopara cinco persoas maiores agochadas no interior dun galpón. Agora as deficiencias deste centro volven saír á luz tras as denuncias feitas públicas por malos tratos, falta de atención e de persoal.

A central sindical sinalou os vínculos de Pedroso con "altos cargos do PP", e cuestionou se existe un trato de favor por parte da Xuna cara a esta persoa e ás súas empresas. 

A CIG sinala que a solución ás irregularidades "ten que pasar pola creación dun sistema público galego de atención as persoas". “Temos que poñer os coidados no centro das políticas públicas, abandonando a xestión privada, que só busca obter beneficios a costa das persoas maiores e dignificando as condicións laborais das persoas traballadoras”.