Nova multa á mineira de Touro por desviar un tramo do Portapego

Aldea Viva, asociación denunciante. considera "ridícula" a sanción de algo máis de 5.000 euros imposta por Augas de Galicia.

Nova multa á empresa propietaria dos terreos da mina e socia principal de Cobre San Rafael no proxecto de reapertura da explotación mineira de cobre en Touro-O Pino.

Augas de Galicia sancionouna por desviar un tramo do rego Portapego sen a preceptiva autorización, informa Aldea Viva, a asociación denunciante que considera “ridícula” a sanción de cinco mil euros e a reposición do rego ao estado inicial por uns feitos desta envergadura.

Explotaciones Gallegas S.L., afirman, pretendía desfacerse da responsabilidade da desfeita ambiental que vén causando no rego Portapego, “contaminado polos residuos e drenaxes da mina pechada fai máis de trinta anos, usurpando o caudal para deixar o rego seco”.

Nas súas alegacións a empresa mesmo cualificou de “actuación clandestina” a actividade de inspección de Augas de Galiza a instancia da asociación Aldea Viva.

Augas de Galicia tamén notificou ao concello de Touro que se abstivera de dar permisos ás obras, pois previamente o rexedor, Ignacio Codesido, xa as autorizara, “saltándose a autorización preceptiva do organismo”.