Nova sanción á mineira de Touro por verter augas residuais

Augas de Galiza propón unha sanción de até 30.000 euros.

Explotaciones Gallegas S.L, principal accionista de Cobre San Rafael, é obxecto dun novo expediente sancionador por parte da administración galega, desta volta por verter augas residuais ao río Brandelos á altura da corta mineira de Bama. Así o manifesta a asociación Aldea Viva, á que a administración informou desta medida.

 

A mineira xa recibiu unha sanción de 20.000 euros o pasado mes de setembro polo desbordamento da mesma balsa. “Os informes analíticos confirman a afectación ao curso fluvial, constatando un importante aporte de metais pesados”, indica Aldea Nova.

 

O río Brandelos recibe constantemente as augas da balsa mineira sen que Exga, propietaria dos terreos, tome medidas ao respecto, denuncia a asociación. “A empresa está a cometer un neglixencia grave que se mantén no tempo”.

 

A asociación ambientalista considera que esta nova sanción é un “golpe duro” ao mineiro de Touro-O Pino e lembra que en apenas medio ano é a terceira sanción que recibe.