Nova achega do Estado español á OTAN: a fragata Cristóbal Colón levanta áncora en Ferrol

A fragata Cristóbal Colón. (Foto: Ministerio de Defensa)
Súmase á participación en exercicios da OTAN doutras fragatas, como a Almirante Juan de Borbón ou a Blas de Lezo-

A fragata Cristóbal Colón (F-105), con base no Arsenal Militar de Ferrol, partiu na mañá desta segunda feira da cidade naval para integrarse na Agrupación Naval Permanente número 2 (SNMG-2) da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN). 

O navío participará nun despregamento que durará até mediados do mes de decembro deste ano. A SNMG-2 opera en augas do Mar Mediterráneo e a súa misión é a de vixilancia marítima e a disuasión.

Actualmente, dita agrupación atópase realizando actividades no marco da operación Noble Shield e as unidades despregadas na zona tamén realizan apoio asociado á Operación Sea Guardian, tamén da OTAN, de loita contra as actividades ilícitas na mar.

Esta misión da fragata Cristóbal Colón, a máis moderna de todas cantas compoñen a serie F-100, vén unirse ás xa realizadas por outros buques con base en Ferrol nesta mesma SNMG-2.

Actualmente forma parte desta agrupación a fragata Almirante Juan de Borbón, que se atopa integrada ata finais de agosto e que será relevada agora polo buque militar que partiu esta segunda feira.

Fragata Blas de Lezo

En xaneiro deste ano, a fragata Blas de Lezo partiu tamén do Arsenal Militar de Ferrol, rumbo ao Mar Negro, no marco da crise existente entre Rusia e Ucraína anterior ao despregamento militar do primeiro no territorio do segundo.

A partida deste barco militar levou aos grupos parlamentarios de BNG, ERC, EH Bildu, Junts, e CUP a pedir a comparecencia das ministras de Defensa e Asuntos Exteriores, Margarita Robles e José Manuel Albares, para coñecer a implicación do Estado español na crise de Ucraína.