Crise en Ucraína: EUA prepara un envío "próximo" de tropas ao leste

Joe Biden ameaza con impor sancións "persoalmente" a Putin, mentres os aliados da OTAN, co Estado español "moi comprometido", seguen a enviar material militar e tropas á rexión.
Joe Biden, presidente dos EUA, prepara un novo movemento de tropas en Ucraína (Foto: Europa Press).
photo_camera Joe Biden, presidente dos EUA, prepara un novo movemento de tropas en Ucraína (Foto: Europa Press).

A fragata 'Juan de Borbón' partiu contra as 10 horas desta cuarta feira, 26 de xaneiro, desde a súa base no Arsenal Militar de Ferrol, para incorporarse ao grupo aeronaval francés (GAN) do portaavións 'Charles de Gaulle'.

A integración do buque militar darase a vindeira terza feira, 1 de febreiro, cando se prevé que o buque español chegue a Toulon (Francia), e permaneza despregado durante unha semana, até o 8 de febreiro. Na terza feira partiu de Rota —após principiar a viaxe en Ferrol— outro buque de guerra, o 'Blas de Lezo', que aínda non ten data de chegada ao seu destino, o mar Negro.

Alén da fragata, no GAN incorpóranse dous controladores aerotácticos, un a bordo do destrutor francés 'Forbin' e o outro a bordo da fragata francesa 'Alsace', e un oficial de operacións aéreas a bordo do portaavións 'Charles de Gaulle'.

A participación da Armada española no despregamento do GAN responde a unha invitación recibida por parte da Mariña de Francia o pasado mes de xuño. No despregamento tamén participarán unidades e persoal doutros países, nomeadamente os EUA —que dirixirán as operacións—, Italia, Grecia, Canadá, Bélxica e Alemaña.

Obxectivo

O despregamento, segundo informaron por parte da Armada, ten como obxectivo mellorar a interoperabilidade entre as mariñas aliadas pertencentes á OTAN. O interese da participación da Armada radica, aliás, en "extraer experiencias no emprego operativo e protección de portaavións", que puidesen ser de utilidade para o LHD 'Juan Carlos I'.

O propio presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, reiterou esta domingo, após reunirse co secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, o seu "compromiso" coa organización militar e "coa seguridade de Europa".

"Apoiamos a soberanía e integridade territorial de Ucraína e confiamos en que a diplomacia e o diálogo sexan a vía de desescalada nesta crise", expuxo.

Ameazas dos EUA

Pola súa parte, o presidente dos EUA, Joe Biden, ameazou na terza feira con impor sancións "persoalmente" contra o seu homólogo ruso, Valdímir Putin, ante unha hipotética invasión de Ucraína, ao tempo que avanzou un "próximo" movemento de tropas estadounidenses, "posibelmente a curto prazo", no leste de Europa.

Ante estas ameazas, o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, sinalou que estas medidas serían "politicamente destrutivas. Aliás, esas posíbeis sancións contra Putin "non terían efecto ningún" e serían "contraproducentes" á hora de rebaixar a tensión entre ambas as potencias.

Comentarios