Nostián cuadruplica a recuperación de envases de Sogama sen necesidade do quinto colector

(Foto: Nós Diario)
Un informe de Adega contrapón os dous modelos de xestión de residuos e apunta que Nostián non precisa introducir o contedor amarelo que Sogama emprega desde hai dúas décadas.

Nostián alcanzou en 2022 a recuperación de 31,9 kg de residuos de envases por habitante e ano, fronte a 8,3 de Sogama, segundo recolle un informe elaborado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, após analizar as cifras de xestión das dúas plantas de residuos.

Segundo detalla, mentres Nostián se achegou ao obxectivo legal cunha porcentaxe de recuperación de 58,4% deste tipo de materiais, Sogama ficou no 15,4%.

Dous modelos

"Non hai dúbidas de que introducir un quinto colector específico para residuos de envases, como se lle está a pedir a Nostián e ten Sogama desde sempre, non vai na dirección de mellorar as cantidades recuperadas", conclúe Adega.

A entidade analizou a evolución recente da xestión de residuos na comarca da Coruña, máis en concreto do chamado modelo Nostián.

Os datos para 2022 indican unha reciclaxe de 20,3%, biodixestión e compostaxe de 30,6% e vertido de 49,1%. Son as mellores cifras despois das de 2019, advirte, cando o vertido xa baixara de 50%, situándose en 48% naquel ano. Pola contra, os concellos do ámbito Sogama destinan máis de 80% de media ao vertido e a queimar.

Envases

Polo que se refire aos envases, mentres en Nostián se recuperan máis de 30 kg de envases usados por persoa e ano, en Sogama esta cifra fica en menos de 9 kg por persoa e ano.

Malia a todo, sinala Adega, "nestes momentos debátese se A Coruña e o Consorcio das Mariñas deben introducir o contedor amarelo para recoller os envases de forma separada, emulando así o modelo implantado desde hai 20 anos no ámbito Sogama e que mantén a Galiza segunda pola cola entre as comunidades autónomas, en reciclaxe no ámbito estatal, só por riba de Melilla".

Nostián cumpre neste momento os obxectivos da recollida e preparación para a reciclaxe dos residuos de envases, que se sitúa entre o 55 e o 60% das cantidades xeradas.

Así, desde a entidade ecoloxista manteñen que Nostián non precisa introducir un quinto colector para a recollida separada de residuos de envases. "O modelo actual de separación húmico-seco, baseado na recollida conxunta dos residuos de envases e o resto da fracción seca, non só permite recoller separadamente a fracción orgánica, adiantándose 22 anos a este requirimento legal, senón que ademais triplica a recollida de envases que o contedor amarelo ten acadado no ámbito Sogama".

Recollida porta a porta

Os resultados, conclúe, amosan "con claridade" que a introdución dun contedor específico para recoller residuos de envases de forma separada do resto da fracción seca non vai mellorar a situación actual de Nostián "senón todo o contrario".

Adega chama a explorar outras vías. "A mellora debe vir doutras medidas, como son un decidido impulso á sensibilización cidadá e á recollida separada en orixe e de garantir dunha vez o tratamento por separado en Nostián da fracción orgánica xa separada en orixe".

Para ir máis aló, cómpre achegarse a modelos de recollida "máis eficientes", como pode ser o modelo o porta a porta para os residuos domiciliarios en substitución dos contedores anónimos de rúa.