“Nós parimos, nós decidimos”

.

O PP e Gallardón teñen xa a resposta do feminismo. Sentiuse nas rúas de cidades e vilas. “Nós parimos, nós decidimos”, volveron repetir en concentración nas que quedou á vista o rexeitamento á política involucionista que recorta os dereitos das mulleres. 

Apenas transcorrera catro horas desde que Ruíz Gallardón comparecera publicamente para dar as liñas de forza do anteproxecto de lei aprobado polo Consello de Ministros e xa o feminismo estaba nas rúas, defendendo os dereitos conseguidos durante décadas de loita e negando a que o PP lle tirara ás mulleres a posibilidade de decidir sobre os seus corpos. 

Cada unha das consignas defendidas nas concentracións respondían, un a un, aos argumentos de Gallardón na súa presentación da “lei de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada”, como así bautizaron á contrarreforma da lei do aborto. Se Gallardón defendeu que a decisión sobre a interrupción do embarazo non podía estar nas mans das mulleres, o berro feminista que lle deu resposta foi o de sempre: “Nós parimos, nós decidimos”.  Se Gallardón falou do regreso a 1985, as rúas berraron: “Nin un paso atrás nos nosos dereitos”. 

As mulleres que participaron nas distintas concentracións convocadas pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto sabían de corrido os lemas, coreados en cada ameaza de involución que agora se confirma.  “Alerta que camiña, a loita feminista polas rúas da Galiza” ou “Fóra os rosarios dos nosos ovarios” foron outros dos lemas repetidos que se sentiron con outros de máis curto percorrido, os que se dirixen directamente a parodiar a figura de Gallardón. “Que fatalidade, que fatalidade, que a nai de Gallardón non puidera abortar. Que desilusión, que o pai de Gallardón non puxera un condón”. Saía así a relucir un personaxe tamén coñecido na loita contra o dereito das mulleres a decidir polo seu corpo, unha figura na historia desta longa batalla que non quere esquecer Nanina Santos, da Asociación Galega da Muller, curtida en mobilizacións que non ocultaba o seu enfado por tantos pasos dados atrás. “Non hai que esquecer que foi o pai de Gallardón o que levou a lei do aborto ao Tribunal Constitucional, agora é o seu fillo o que dá o máis duro golpe lexislativo contra os dereitos defendidos polas feministas”, sinala 

Corporación dermoestética, trinta anos atrás 

Nanina Santos porta en Compostela dous carteis pendurados do seu corp

o.  Neles reclama o dereito a decidir, a parir por vontade propia, non por imposición.  Ten a sensación de “deja vu” ou de revival.  “Comezamos arredor do 77, no feminismo da transición, nas loitas contra a ilegalidade, as viaxes a Londres, as mortes... agora temos que vivir este momento de retroceso e demagoxia. Que Gallardón mire as leis do noso entorno”, sinala Nanina Santos. 

“Isto é como a Corporación Dermoestética. Volvemos trinta anos atrás”, comenta, para defender que non había ningún reclamo nin alarma social que xustifique unha contrarreforma do alcance da que acaba de tirar para adiante o PP, xustificada, ao seu ver, pola imposición “do fanatismo da igrexa católica”.  “Non podemos permitir a ninguén que faga leis públicas con moral privada”, denuncia, dunha lei que volve ao feminismo ás rúas con carácter de urxencia. 

En Vigo, na Coruña, en Ourense, en Compostela, Ferrol, Lugo, Ribadeo, Pontevedra e Cangas as consignas foron as mesmas, a dun movemento feminista que non se resiste a ver como lle tiran os dereitos conseguidos en décadas de loita.