'Nós Diario' proponse pensar Galiza en tempos de pandemia

O filósofo Francisco Sampedro. (Foto: AELG)
 Remata a serie sobre os escudos do Reino da Galiza que o xornal ofreceu neste mes de setembro da man de Héitor Picallo

A serie sobre o escudo do Reino da Galiza e da súa dimensión internacional chega ao seu remate. O xornal de hoxe recolle a súa última entrega, centrado nas diferentes representacións do símbolo galego nos reinados dos últimos monarcas da Casa de Austria e no primeiro da dinastía borbónica. Ao tempo, achégase ás pegadas do mesmo nos países americanos e moi particularmente naqueles territorios de gran presenza galega como Arxentina, Cuba ou México, adiantando novas vías para futuras investigacións.

O traballo elaborado polo escritor Héitor Picallo percorreu en 18 entregas a historia do escudo galego desde o século XIII. Ao longo de 72 páxinas, ofreceu unha viaxe sobre as primeiras expresións do símbolo custodiado nos Roll das máis importantes liñaxes europeas, no interior de significadas catedrais, como Gante ou Viena, ou nas representacións artísticas de significados creadores como Durero. 

O estudo de Picallo volveu certificar a existencia da Galiza como unha realidade política diferenciada e o seu claro recoñecemento na esfera internacional, na liña do xa coñecido para a cartografía.

A publicación significouse pola súa grande acollida. O aumento no número de lectores e lectoras do xornal, as consultas e suxestións sobre o traballo recibidas durante o último mes e os debates xerados nas redes sociais confirman o interese pola temática escollida e a necesidade de afondar na mesma. 
Na liña do expresado polo autor do traballo, aínda fica “moito que baleirar por América, analizar non só libros iluminados, senón igualmente obras de arte, arquitectura e documentación..., tamén incluso galegas”. Agardamos contalo da man de Héitor Picallo.

Crise sanitaria e socioeconómica

O mes de outubro iníciase cun novo produto. As urxencias derivadas da inédita situación vivida nos últimos meses e o furacán informativo derivado da crise sanitaria e económica non teñen deixado o tempo debido para analizar e reflexionar de maneira demorada un tempo novo que require de explicacións e alternativas. 
As primeiras semanas de outono van ser tamén para os lectores e as lectoras un momento para matinar máis alá do inmediato e para pensar lonxe do urxente.

A situación presente require de preguntas e respostas. Son tempos para interpelarnos sobre o acontecido, para rebuscar nas causas da situación actual, para interrogarnos sobre os retos inmediatos e para cuestionarnos sobre os escenarios a medio e longo prazo. Son momentos de adiantar alternativas para os retos marcados pola pandemia, de deseñar propostas que permitan reverter a situación, de interpretar o presente mirando o pasado para non perdernos no futuro e de elaborar programas para enfrontar a Galiza poscoronavirus.

Durante os próximos días as páxinas centrais de Nós Diario van estar abertas ao debate de fondo, que fai parte da xenética do proxecto desde a súa fundación, mais que nestes momentos se torna imprescindíbel. De aí a convocatoria de diversas referencias da vida intelectual da Galiza para que acheguen as súas certezas e as súas dúbidas. A serie coral de entrevistas arranca co filósofo Francisco Sampredo e vai ter continuidade durante todo o mes nun intento de pór toda a intelixencia colectiva ao servizo do país.