'Nós Diario' transfórmase na Internet: o 26 de abril verá a luz unha nova edición dixital

A nova web de nosdiario.gal será máis áxil, dinámica e intuitiva.
O redeseño da web coincide co décimo aniversario da posta en andamento de sermosgaliza.gal, medio do que naceu Nós Diario e parte da aposta por reforzar o soporte dixital a través dunha páxina máis intuitiva e áxil para facilitar a lectura e interacción cos diferentes contidos xornalísticos.

O cambio é unha constante no xornalismo, un oficio que no pasado século tivo que facer fronte a tres grandes desafíos: o xurdimento da radio, o da televisión e, xa na década de 1990, a Internet. O xornalismo de hoxe nada ten a ver co que se practicaba a comezos do século XXI... Nin tan sequera a respecto de hai dez anos, en 2012, cando se estreou o dixital sermosgaliza.gal —inicialmente sermosgaliza.com—.

O dixital sermosgaliza.com viu a luz o 26 de abril de 2012.

É por iso que Nós Diario quere apostar por un dixital máis forte, con información actualizada os 365 días do ano para complementar a edición en papel, dispoñíbel nos quiosques de todo o país de terza feira a sábado —cando sae acompañado do semanario Sermos Galiza—.

A nova edición dixital de Nós Diario estará dispoñíbel a partir das 12 horas da vindeira terza feira, 26 de abril, coincidindo coa posta en funcionamento na mesma data de 2012 de sermosgaliza.gal, medio do que naceu o Nós. O lanzamento prodúcese, aliás, no día en que fai 176 anos o fusilamento dos mártires de Carral tras a Revolución de Abril.

María Obelleiro.

"O redeseño parte da aposta de Nós Diario por reforzar o soporte dixital, con máis información apegada á actualidade nunha páxina web máis intuitiva e áxil", sinala a directora deste xornal, María Obelleiro. O novo e ambicioso deseño, afirma, "responde a unha ollada galega estruturada nun dixital visualmente claro e ordenado que conxugará a última hora coa profundidade".

"Apostamos por reforzar o soporte dixital, con máis información apegada á actualidade nunha páxina web máis intuitiva e áxil", sinala María Obelleiro, directora de 'Nós Diario'

Na mesma liña apunta o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza SA, Xoán Costa: "Todas as mudanzas están enfocadas a mellorar e facilitar a compatibilidade das novas tecnoloxías co xornalismo e facilitar a navegación a través da edición dixital".

Xoán Costa.

Aliás, Costa fai un balance positivo dos dez anos que leva na rede —e nas rúas— primeiro Sermos Galiza e agora Nós Diario: "Alcanzamos os principais obxectivos fundacionais deste xornal, como que o galego volvese estar nos quiosques e, en definitiva, en todos os lugares nos que xa estaban outros medios. Tamén logramos ser referentes nas redes sociais e mesmo logramos sacar un xornal diario en papel en 2020, algo que inicialmente non estaba previsto".

A nivel técnico, a nova edición dixital do Nós ofrece un deseño máis limpo e intuitivo e inclúe, aliás, novas seccións como blogues de opinión ou unha axenda de eventos. "A capa é moito máis manexábel e intuitiva, e permite visualizar máis pezas informativas que a actual cando se fai scroll nun dispositivo móbil", apunta David Comesaña, un dos desenvolvedores da web, creada co software galego Openhost.

O novo deseño, aliás, obtivo unha elevada puntuación nas Core Web Vitals de Google, un distintivo de calidade que aplica a compañía estadounidense para garantir o bo funcionamento estrutural dos sitios web. "Co novo deseño reducirase considerabelmente o tempo de carga da web", incide.

Unha aposta polo xornalismo independente

Durante todo este tempo, primeiro Sermos e posteriormente Nós caracterizáronse por defender un xornalismo de calidade, independente e ao servizo dos intereses do pobo galego, algo que non tería sido posíbel de non ser polos centos de persoas subscritoras que confiaron, e seguen a confiar, neste proxecto.

Cómpre lembrar, neste senso, que Nós Diario foi a única cabeceira de tiraxe diaria que ficou excluída pola Xunta da Galiza do reparto de subvencións aos medios de comunicación impresos de 2021, unha decisión que agora se dirime nos tribunais.

Lembra que podes subscribirte, quer á edición dixital quer ao xornal impreso, a través desta ligazón para apoiar un xornalismo independente na Galiza e, sobre todo, ao servizo da cidadanía.