Novos contidos, un deseño máis limpo e áxil... así será a nova edición dixital de 'Nós Diario'

This browser does not support the video element.

A nova web estará dispoñíbel desde as 12 horas desta terza feira, 26 de abril.

Esta terza feira verá a luz a nova edición dixital de Nós Diario, coincidindo, por unha parte, co décimo aniversario do lanzamento de sermosgaliza.com, o xornal dixital de Sermos Galiza SA, empresa editora do Nós, e, por outra, nunha data sinalada como é o 26 de abril, día en que foron fusilados os coñecidos como 'mártires de Carral' tras a Revolución de Abril de 1846.

A nova edición dixital estará dispoñíbel desde as 12 horas desta terza e contará con múltiples novidades e melloras, como unha redución substancial do tempo de carga.

Nós Diario pretende coa nova web ofrecer un deseño máis limpo, áxil e intuitivo, a fin de facilitar a navegación e consumo dos diferentes contidos xornalísticos, e adaptarse a todos os soportes —ordenador, tableta, móbil...—.

Aliás, o relanzamento do Nós na rede procura facer unha forte aposta na información de actualidade. "O novo e ambicioso deseño responde a unha ollada galega estruturada nun dixital visualmente claro e ordenado que conxugará a última hora coa profundidade", sinala a directora deste xornal, María Obelleiro.

Deste modo, a nova edición dixital de Nós Diario contará con máis informacións de actualidade para que non perdas ningún dos acontecementos importantes do día, así como novas seccións:

  • Axenda: Calendario actualizado diariamente con información sobre os eventos culturais máis salientábeis de todo o país.
  • Blogues: Un espazo para a reflexión que contará con diferentes firmas recoñecidas no ámbito cultural da Galiza.
  • Etiquetas de 'destacados': Unha 'nube' de etiquetas na parte superior da capa a través da cal se poderán consultar todas as informacións relacionadas cos principais temas de actualidade.
  • 'En papel': Sección da capa na que estarán dispoñíbeis os contidos máis destacados da edición impresa de Nós Diario.
  • Redes sociais: Nesta nova aposta pola edición dixital a redacción de Nós Diario fará especial fincapé nas redes sociais, ofrecendo contidos máis atractivos e adaptados á linguaxe propia de cada unha delas.

Unha aposta polo xornalismo independente

Durante todo este tempo, primeiro Sermos e posteriormente Nós caracterizáronse por defender un xornalismo de calidade, independente e ao servizo dos intereses do pobo galego, algo que non tería sido posíbel de non ser polos centos de persoas subscritoras que confiaron, e seguen a confiar, neste proxecto.

Cómpre lembrar, neste senso, que Nós Diario foi a única cabeceira de tiraxe diaria que ficou excluída pola Xunta da Galiza do reparto de subvencións aos medios de comunicación impresos de 2021, unha decisión que agora se dirime nos tribunais.

Lembra que podes subscribirte, quer á edición dixital quer ao xornal impreso, a través desta ligazón para apoiar un xornalismo independente na Galiza e, sobre todo, ao servizo da cidadanía.