'Nós Diario' culmina a xira do número 1.000

María Obelleiro, Xosé Lois 'O Carrabouxo', Ramón Seoane e Roberto Pascual, esta sexta feira en Ribadavia.
Máis 1.000 asistentes asistiron á vintena de actos públicos cos que Nós Diario conmemorou os seus 1.000 números no mes de novembro. A directora do xornal, María Obelleiro, amosou esta sexta feira en Ribadavia, onde se puxo o ramo á campaña, a súa satisfacción ante un público "que nos sorprendeu polo seu entusiasmo e apoio, o cal nos traslada moitísima forza".

O último acto da xira de Nós Diario con motivo da edición do número 1.000 do xornal tivo lugar esta sexta feira no local social da Madalena, no municipio de Ribadavia (comarca do Ribeiro). Nel interviron o avogado Ramón Seoane; o director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual; o humorista gráfico Xosé Lois 'O Carrabouxo', así como a directora de Nós Diario, María Obelleiro.

Nos máis de 20 actos decorridos desde o comezo desta campaña, máis 1.000 persoas acompañaron Nós Diario durante a xira. Debido á intensa demanda que tivo a campaña, o xornal fará, xa en 2024, novas viaxes para acompañar aos lectores e ás lectoras doutras localidades que ficaron por visitar desta xeira.

En Ribadavia, Obelleiro fixo balance da xira de Nós Diario con motivo do seu número 1.000, "unha campaña moi intensa para falar de ti a ti e con sinceridade sobre como traballamos, a que nos enfrontamos, do sistema de medios de comunicación que hai na Galiza e de cales son as dificultades que temos que atravesar cada día, cunha resposta moi positiva que nos sorprendeu polo entusiasmo e apoio da xente, o cal conseguiu trasladarnos moitísima forza". 

"Unha das cousas que nos trasladaron é que sería desexábel que Nós Diario saia máis días á semana e que fagamos o posíbel para conseguilo, pois xa é todo un hábito e unha tradición coller o xornal pola mañá para ler novas ás que non se pode acceder noutros medios de comunicación", salientou a directora.

"Facemos noticias que moitas veces son críticas co Goberno galego, que teñen a ver co negocio da enerxía na Galiza ou da sanidade e das residencias privadas, novas que non se poden ver noutros medios", explicou.

"A xente achegou palabras positivas e suxestións de mellora, e nós explicamos por que non podemos saír os sete días da semana ou por que non podemos facer xornalismo audiovisual, cuestións vinculadas co feito de termos unha redacción pequena, debido ás limitacións orzamentarias", engadiu Obelleiro.

"O público entendeu que non se pode dar por feito que Nós Diario vaia seguir aí, que é necesario reforzalo e consolidalo, que precisamos 1.000 subscricións máis, a fórmula é ir pouco a pouco facendo pedagoxía, mais temos claro que hai unha masa social que acredita que o xornal é necesario", concluíu.