Sae do prelo o número 0 de Nós Diario

O número cero de Nós Diario na rotativa

O número 0 de Nós Diario aborda temas como o encallamento do buque quimiqueiro Blue Star; o auxe e a caída do ex presidente de Xóvenes Agricultores, Juan Luís Pérez Miramontes; ou a folga que o 12 de decembro paralizará o ensino público na Galiza. Acompaña este número o semanal de Nós Diario, Sermos Galiza, tamén dispoñíbel de balde no Culturgal. 

Nós Diario, tal como se pode ver no seu Número 0, que se presenta na Feira das Industrias Culturais da Galiza (Culturgal) estrutúrase en seis seccións: Galiza, Opinión, Economía e Traballo, En Foco, Internacional e Cultura, máis o suplemento Sermos Galiza.

Na sección de Galiza comezamos cunha análise dos orzamentos da Xunta e continuamos co encallamento do buque quimiqueiro Blue Star na ría de Ares, que volve pór de actualidade o debate sobre a seguridade marítima das nosas costas e o reclamado traspaso das competencias de salvamento e seguridade marítima a Galiza.

Tamén entrevistamos Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e un dos expertos máis prestixiosos do mundo no campo da xenómica, que volve incidir no feito de que «é vital reter o talento e atraer o de fóra para crear riqueza en investigación».

A aprobación no pleno do Parlamento da Lei de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, as reclamacións da Plataforma pola defensa do tren e os problemas de xestión dos concellos de menor tamaño completan as informacións da sección de Galiza.

As mellores sinaturas do país, na sección de Opinión

En Opinión contamos coas sinaturas de María Reimondez, Suso de Toro, Manuel Vilar Álvarez, Alba Taladrid, Miguel Anxo Bastos Boubeta e Comba Campoi García, que acompañan o Editorial de María Obelleiro, directora de Nós Diario. Ademais, Xosé Lois O Carrabouxo engade un raio de cor e enxeño cos seu cadriño.

Bastante menos do que vale un café. Ese é o prezo da subscrición a Nós Diario, que ofrece múltiples posibilidades para facilitar o pagamento ás persoas asinantes

Economía e Traballo abre lembrando que Galiza é unha potencia enerxética que vai reducindo a súa dependencia dos combustíbeis fósiles grazas a enerxías renovábeis como a eólica, a biomasa ou a solar, mais o mapa enerxético segue controlado polas grandes empresas, que levan fóra os beneficios económicos. 

A multiplicación da conflitividade laboral, con especial foco no sector do ensino -que vivirá o 12 de decembro unha xornada de folga xeral na defensa da educación pública-outra das informacións principais de Economía e Traballo. 

Xornalismo de investigación

No En Foco relatamos o auxe e a caída de Juan Luís Pérez Miramontes, o ex presidente de Xóvenes Agricultores, quen presuntamente financiaba a rede de trata desarticulada en abril de 2019 en Compostela, segundo un informe da Policía Nacional ao que accedeu Nós Diario.

Outra caída, neste caso a do Muro de Berlín, serve como leitmotiv para que a sección de Internacional propicie unha reflexión sobre os máis de 70 valados que separan territorios e impiden o paso de persoas migrantes e refuxiadas na actualidade.

O desmantelamento dun grupo de fanáticos da extrema dereita que pretendían formar un novo partido nazi en Italia ou o escenario ante as eleccións do 12 de decembro no Reino Unido completan a sección de Internacional.

En Cultura entrevistamos María Victoria Carvalho-Calero Ramos, numeraria da Academia de Belas Artes, catedrática da Universidade de Vigo e especialista en Historia da Arte Contemporánea, que lembra a figura do seu pai a menos dun mes vista para que Ricardo Carvalho Calero sexa a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Ademais, dedicamos unha páxina a unha nova edición do Culturgal, sen esquecer deixar espazo para recoller unha completa axenda cos eventos culturais e de ocio máis importantes do país.

Para pechar Nós Diario, contamos cunha entrevista moi particular que caracterizará as últimas do xornal e que leva por nome Avante Toda. O primeiro convidado dunha sección con temática tan mariñeira non podía ser ninguén mellor que un home que non necesita presentación, o coruñés Xurxo Souto.

Sermos Galiza, suplemento de Nós Diario

O semanario en papel Sermos Galiza desaparece como tal, pero pasará a formar parte de Nós Diario os sábados, como publicación de fin de semana.

Xornalismo de calidade, pausado, e profundo marcará a tónica de Sermos Galiza, que no caso da edición que acompaña este Número 0 de Nós Diario indaga na figura do Apalpador, que ten cada vez máis relevancia nos fogares galegos nas vésperas de Nadal.

A entrevista en profundidade que María Obelleiro, directora de Nós Diario, lle realiza a Xoán Costa, a reportaxe de Cilia Torna sobre a “aldraxe” do proxecto de Estatuto de Autonomía de 1979, e espazos sobre cinema, literatura, música e viaxes, entre outros, completan o renovado Sermos Galiza.

Tanto o número cero de Nós Diario como o de Sermos Galiza, o seu semanal, poderán recollerse de balde no espazo físico de Nós Diario no Culturgal

Subscríbete por 60 céntimos ao día

Bastante menos do que vale un café. Ese é o prezo da subscrición a Nós Diario, que ofrece múltiples posibilidades para facilitar o pagamento ás persoas asinantes. A subscrición representa un importante aforro a respecto da compra do diario día a día, cuxo prezo será de 1,50 euros de terzas a sextas feiras e de 3 euros o sábado, día en que acompaña o diario o suplemento de fin de semana.

Desde 20 euros cada mes, ou, o que é o mesmo, por 60 céntimos ao día, podes facerte subscritora ou subscritor, ou mesmo agasallar cunha subscrición a quen desexes. Este sería o prezo da subscrición ao diario dixitalizado na nube. Nesta modalidade, alén facerse 12 pagamentos mensuais por un importe de 20 euros ao mes, tamén é posíbel pagar 57 euros ao trimestre, 108 euros ao semestre ou un pagamento anual de 204 euros, o que representaría 17 euros ao mes.

En canto á versión en papel, que inclúe o acceso ao diario dixitalizado na nube, é posíbel facerse asinante por 27 euros ao mes; por 78 euros ao trimestre; por 150 euros ao semestre ou por 288 ao ano, o que suporía 24 euros ao mes.