Un 'non á LOMCE' na linguaxe da maxia, da poesía, do teatro e da música

[Imaxe: SG]

A Plataforma galega en defensa do ensino público convocou para esta cuarta feira 13 de novembro actos en oito localidades para rexeitar unha norma que "empeorou" após encetar a súa tramitación parlamentaria incluíndo a cesión de balde de solo para a construción de centros privados concertados.


Poesía, maxia, teatro e música son os ingredientes fundamentais dos oito actos contra a LOMCE que a Plataforma galega en defensa do ensino público promoverá na cuarta feira 13 de novembro noutras tantas localidades do País: A Coruña, Carballo, Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense Pontevedra e Vigo.

A revolta contra a xa coñecida como 'Lei Wert' continúa após encetar a súa tramitación parlamentar e ser aprobada no Congreso cos únicos votos do PP. Segundo sinalou en rolda de imprensa Anxo Louzao, responsábel nacional da CIG-Ensino, o texto "empeorou no seu contido", en referencia a novas disposicións como o cesamento de balde por parte das administracións públicas de solo para a construción de centros privados concertados. Aliás, referiuse tamén ao visto e prace que recibiu a emenda presentada por UPyD para que o español sexa a lingua vehicular nas aulas do Estado, "negando a diversidade cultural e lingüística". 

A través dunha disposición estabelece, ademais, que os territorios poderán realizar concertos cos colexios privados de carácter relixioso que segregan o alumnado en función do sexo. Malia que todas as forzas políticas da oposición con representación no Congreso asinaron o seu compromiso para derrogar a LOMCE --Lei orgánica de mellora da calidade educativa-- unha vez que fenda a maioría do PP na Cámara, Louzao exixiu a retirada do texto para que non entre en vigor en 2014, como está previsto. 

''É a sociedade quen rexeita esta lei''

A Plataforma galega quere destacar que o rexeitamento da LOMCE non chega unicamente do profesorado, do alumnado e das familias. Tal e como explicou Fernando Lacaci, presidente da federación de ANPAS de Compostela, é este o obxectivo que perseguen os actos do 13 de novembro: que "é a sociedade a que rexeita esta lei".

Deles farán parte escritor@s como Berta Dávila ou Suso de Toro [Santiago: Biblioteca Ánxel Casal, 19h]; músic@s e grupos musicais como Ferreñudos do Morrazo Ghaiteiros Subwertsivos [Vigo: Marco, 20h], Magín Blanco [A Coruña: Auditorio Andrés Gaos, 19h], Mala Vida [Carballo: Pazo de Cultura, 19.30h], Carlos do Viso [Pontevedra: Galería Sargadelos, 19.30h] ou Najla Shami [Santiago]; poetas como Isidro Novo [Lugo: salón de actos da Casa sindical, 20h]; magos como Fiz [Ferrol: IES Concepción Arenal, 19h]; e humoristas como O Carrabouxo [Ourense: Auditorio municipal, 19.30h].

Da Plataforma galega fan parte AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga,  Federación de ANPA de Compostela, de Lugo, de Ferrolterra e da Costa da Morte, Movemento Dezao, Sindicato de Estudantes, BNG e Galiza Nova.