Os Ninguéns denuncia a situación das persoas sen fogar
O colectivo criticou a falta de actuacións do Goberno de Abel Caballero
O foro sociocultural Os Ninguéns desenvolveu esta sexta feira unha acción simbólica nas rúas de Vigo para alertar das situacións de colapso social que se están a dar na cidade, concretamente na atención ás persoas sen fogar.
O colectivo denunciou as palabras do alcalde, Abel Caballero, quen nas últimas semana afirmou que "quen durme na rúa é porque quere". Os Ninguéns lembraron as traxedias acontecidas na vella estación de autobús, coa morte dunha persoa, e o desafiuzamento aos moradores da pensión Nosa Señora do Carme.
Subliñaron que os albergues da cidade están masificados e que a estancia nestes é dun máximo de 15 días. Criticaron a campaña de "desinformación" que está a desenvolver o Executivo local, afirmando que na actualidade hai xente na rúa "que sobreviven enfermos" e en condicións climáticas adversas que poñen en risco a vida das persoas.
Os Ninguéns reclamaron actuacións por parte do Goberno local, do servizo de Benestar e da Xunta da Galiza, que "prioricen ás persoas e que deixen a guerra partidaria" entre as administración. Aliás instaron ás institución a "traballar para sacar adiante medidas reais, eficaces e tanxíbeis para estas persoas que están nunha situación dramática".
O colectivo concluíu as súas reclamacións coa consigna "Abel, actúa, que tes xente na rúa!".

