Nin de vivo, nin de morto: O proxecto de eólica mariña de Iberdrola ameaza a paisaxe de San Andrés

Un parque eólico nunha imaxe de arquivo. (Foto: Iberdrola)
A instalación de grandes muíños implicaría tamén unha grande afección aos ecosistemas mariños e á Rede Natura, alerta a asociación Salvemos Cabana, a respecto da iniciativa da multinacional eléctrica para a costa cantábrica galega.

Di o refrán que a San Andrés de Teixido vai de morto aquel que non foi de vivo. Ademais, polo menos, nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal é común escoitar tamén a advertencia de que non se lle toque aos insectos, porque poden ser “ánimas” camiño desta pequena localidade que presume de ter os acantilados máis altos da Europa Continental.

No entanto, esa paisaxe e ese entorno que a tantas visitantes atraen, sexa da forma que sexa, algo co que tamén ironiza o colectivo Salvemos Cabana -que se define nas redes sociais como a Asociación pola defensa do patrimonio natural e cultural da Costa da Morte e da Galiza-, corren o risco de desaparecer ou de mudar irremediábelmente co proxecto de eólica mariña de Iberdrola.

A entidade destaca que a “instalación dos parques eólicos” no mar, á altura das zonas de San Brandán e San Cibrao, implicaría a chegada á Mariña de 70 muíños de 253 metros de altura.

Se ben é certo que boa parte das estruturas iría soterrada e baixo a auga, a paisaxe veríase afectada igualmente e o mesmo sucede, din as e os expertos, cos ecosistemas mariños.

“Iberdrola debe pretender que a San Andrés de Teixido vaiamos de mortos, non de vivos: O impacto dos proxectos sobre a costa norte galega é completamente inasumíbel”, sostén Salvemos Cabana nun amplo discurso a través das súas redes sociais.

Lonxe de permanecer centrada nas ameazas terrestres que hai en distintas fases de tramitación na Costa da Morte, a plataforma entende que debe presentar alegacións ante a solicitude da multinacional eléctrica porque os aeroxeradores que se queren instalar “afectan a un dos tramos costeiros de maior valor ambiental da Galiza”.

Rede Natura e especies ameazadas en xogo para maior negocio de Iberdrola”, lamenta nunha mensaxe á sociedade, que quizais chama á mobilización para impedir novos ataques ao patrimonio natural da Galiza.

O Parque do Megalitismo

Tamén nas últimas horas, o colectivo aproveitou para afear a postura do “presidente do Parque do Megalitismo da Costa da Morte”, ao entender que “mira para outro lado” a pesar da risco medioambiental que supoñen as diferentes iniciativas que se queren instalar en puntos como Laxe.