A falta de persoal e a sobrecarga laboral complica garantir os dereitos das doentes

Imaxe dun colapso no CHUS (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS).
Reclaman máis recursos para a sanidade pública no Día Europeo dos Dereitos das pacientes.

Nun contexto marcado polas mobilizacións ante a crise do sistema público de saúde, e que se manifesta na falta de facultativos, na sobrecarga de traballo do persoal médico e na precariedade na Atención Primaria, como así o denunciaron durante meses diversos colectivos, hoxe conmemórase o Día Europeo dos Dereitos dos e das Pacientes. Nós Diario conversa con SOS Sanidade Pública e a Asociación de Pacientes do CHUS para coñecer se realmente se garanten os dereitos dos pacientes na sanidade galega.

O portavoz de SOS Sanidade Pública en Vigo e delegado de CIG Saúde nesta localidade, Manuel González Moreira, médico de familia, explica que “os dereitos están recollidos na Lei 8/2008 de Saúde, onde figuran moitos que non se están a cumprir”. Así, pon de exemplo o artigo 12 desta lei, no que se recollen aqueles dereitos relacionados coa prestación dos servizos sanitarios, entre os que se encontra o dereito á humanización da asistencia sanitaria.

“O problema da calidade da prestación está relacionado coa presión asistencial á que está sometido o persoal médico”, explica Moreira. “Resulta difícil ofrecer unha atención que respecte o dereito a ser tratado como persoa nun sistema sanitario masificado e con poucos profesionais”. Así, engade que “aínda que resulte un dereito básico o feito de que se respecte a vontade do paciente de expresar o que lle pasa” é complicado garantilo cando o médico ou médica “non dispón dos recursos nin do tempo necesario para facelo” e esta, engade, “é unha das eivas máis importantes do noso sistema”.

Pola súa parte, o presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Fernando Abraldes, mantén que “no Sergas hai unha vulneración moi importante dos dereitos fundamentais” dos e das pacientes. Destaca especialmente que se atente contra os dereitos referidos á autonomía persoal, ao acceso á información ou ao consentimento informado. “Tamén se está a vulnerar o dereito ao acompañamento, e máis desde a pandemia”. 

Abraldes e Moreira coinciden en que un dos dereitos contra os que habitualmente máis se atenta é o da intimidade do paciente. O portavoz de SOS Sanidade Pública explica que un artigo da lei está centrado na integridade e intimidade da persoa e que moitas veces non se garante. “Créanse estruturas asistenciais onde se pensa máis en como desenvolver os aspectos técnicos da atención que na cuestión humana”, explica. “Todo está deseñado para facilitar as intervención dos profesionais”. Moreiras pon de exemplo a bata empregada nos hospitais, totalmente aberta polas costas, a cal “é un indicador de como concibimos a estrutura dos servizos”. Mais asegura que é posíbel “facilitar as intervencións do persoal médico garantindo o dereito á intimidade”, sen deixalo nun segundo plano, “como está a pasar agora”. 

Abraldes lembra a acumulación de pacientes nos corredores de acceso do servizo de Urxencias do CHUS mentres esperan a ser atendidos. “Unha violación transcendente sobre a que se posicionaron os valedores do pobo en máis dunha ocasión”. Por isto, sostén que “o estado de dereito no ámbito do Sergas non existe porque non hai ningún mecanismo efectivo con plenas garantías xurídicas para que estes dereitos poidan facerse valer”. Nesta liña, Abraldes opina que se mantén un modelo de atención paternalista que considera a persoa doente incapaz de poder tomar decisións sobre a súa saúde.

Vulneración dos dereitos lingüísticos

Por outra parte, Moreira puntualiza que o dereito a ser atendido en galego non é “algo menor”. A forma na que “explicamos a enfermidade ten un fondo cultural. A lingua é máis que o idioma no que nos expresamos, é un sistema de pensamento”. Por isto, asegura que “non ser atendido na lingua propia condiciona como se expresa a doenza e como a interpreta o profesional, polo que isto tamén redunda na calidade da asistencia sanitaria”.

Ambos concordan en que, para evitar a vulneración de dereitos, cómpre mudar o sistema sanitario e permitir que a lei “pase de ser un papel escrito a unha realidade”. Así o manifesta Moreira, que asegura que o modelo actual non está deseñado funcional nin estruturalmente para garantir os dereitos dos pacientes, polo que urxen “cambios organizativos”.