Máis de 160 incidencias, estradas cortadas pola neve e árbores caídas: estas son as consecuencias do temporal

Varios coches circulando por estradas totalmente nevadas á altura de Pedrafita do Cebreiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O xeo e saraiba provocaron dous accidentes múltiples en Ponteareas, na autovía A-52.

A neve complica a circulación nunha vintena de puntos de varias estradas galegas, con restricións e cortes en diferentes vías, segundo vén de informar a Dirección Xeral de Tráfico (DXT). As maiores dificultades preséntanse na A-6, cortada ao tráfico entre os quilómetros 451 e 484, ao seu paso polo Corgo. E mantense prohibida a circulación de camións e articulados entre os quilómetros 430 e 488, desde Pedrafita do Cebreiro até Nadela.

O temporal de neve deixou problemas na circulación pola autovía que conecta con Madrid. Os puntos quilométricos 432 e 438 estiveron cortados durante uns minutos na mañá desta cuarta feira e tivéronse que "embolsar" camións, unha situación que é probábel que se repita ao longo do día.

Aliás, a estrada LU-633, de titularidade autonómica, mantén o tránsito fechado a camións e articulados en ambos os sentidos de circulación entre os quilómetros 1 e 29. Mesma situación vívese na N-525 en ambos os sentidos do tránsito á altura de Riós.

A neve afectou outras estradas nas que non hai restricións á hora de circular, se ben a DXT chama á precaución e a cautela. Nesta situación atópase a A-8, na zona de Abadín. Deste modo, na A-52 é necesario manter todas as precaucións nos quilómetros 112 e no 171, ao seu paso pola Mezquita e Monterrei, respectivamente. Esta situación dáse tamén na OU-536, nos quilómetros 28 e 50, nos municipios de Maceda e Castro Caldelas.

A DXT recomenda conducir con precaución no quilómetro 23 da OU-533, á altura de Viana do Bolo, e a OU-531, desde o quilómetro 16 en Rairiz de Veiga. Tamén é precisa a precaución no municipio de Dozón, tanto na A-53 como na AP-53 e a N-525. Así, recoméndase precaución na N-640 e PO-212 no seu paso por Agolada e a PO-533 en Rodeiro.

Problemas na circulación

En Sarreaus, pasadas as 7 horas, o condutor dun autobús informou ao 112 de que non podía proseguir a marcha. Atopábase no quilómetro 33 da estrada OU-113. Ao tempo informouse de que os operarios de conservación das estradas xa traballaban nas tarefas de limpeza da vía.

Pouco despois, ás 8.20 horas, recibíase o aviso dun particular que indicaba que tres vehículos eran incapaces de continuar a partir do quilómetro 6 da OU-1112, nos Blancos, tamén debido á neve. O mesmo ocorreu na DP-2104, en Cerceda.

Aliás, os obstáculos seguen afectando a circulación nas estradas galegas: por exemplo, en Lugo, unha importante cantidade de terra e pedras cortaba case por completo o tráfico no quilómetro 35 da LU-P-6502, segundo alertaba un particular ás 8 horas.

En canto ás árbores, particulares informaban dunha incidencia que afectaba a circulación no quilómetro 29 da LU-636, e doutra que cortaba a estrada de Toro a Laza. Ambos os avisos chegaban ao 112 Galiza pasadas as 7 horas. Tamén se rexistrou neve na AP-9, en Mesía, e na A-6, nas Nogais, tal e como informaron particulares que circulaban por ambos os puntos.

Accidentes múltiples en Ponteareas

O xeo e saraiba provocaron dous accidentes múltiples en Ponteareas, na autovía A-52. No primeiro deles, sen feridos, víronse implicados tres coches. No segundo, dúas persoas foron trasladadas por persoal de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 logo dunha colisión entre catro vehículos. Até este punto acudiron os servizos sanitarios, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, o GES-SPEIS de Ponteareas e os membros de Protección Civil.

160 incidencias

En total, o temporal deixou esta cuarta feira 160 novas incidencias computadas polo 112 no coxunto do país, após superar na pasada xornada o milleiro. En concreto, desde a segunda feira, a choiva, o vento e a neve provocaron 1.259 incidentes. As tipoloxías de incidentes máis repetidas son, até o momento, as causadas pola caída de árbores e pólas nas estradas (566), a neve nas vías de circulación (63), os anegamentos (45), os derrubamentos (17) e as fochancas (10).

Por outra parte, diferentes zonas de varias localidades quedaron sen luz durante a madrugada. En Vilagarcía, varios particulares informaron ao 112, pasadas as 4 horas, desta problemática nas rúas Arcebispo Lago, Arcebispo Xelmírez e Avenida Doutor Tourón. O mesmo ocorreu pola noite no pobo de Rus, en Carballo.

Noutra orde de asuntos, un vehículo bateu contra un poste que se atopaba partido sobre a estrada, á altura de Tomiño, sen ter que lamentar danos persoais. Aliás, en Vigo, un particular informaba ao 112, ás 5.35 horas, dun poste caído sobre o seu vehículo, o que levou á intervención da Policía Local e dos Bombeiros de Vigo, aínda que sen producirse feridos.

O mesmo ocorría minutos antes das 2 horas da madrugada na Coruña, cando caeu un farol sobre un coche na rúa Ribeira Sacra, en Elviña. Fóra do ámbito das estradas, unha árbore caída impedía a uns veciños abandoar a súa vivenda en Ortigueira, segundo alertaron ao 112 os propios particulares afectados ás 8.20 horas.

Liberado o acceso a Baldriz

Efectivos de Protección Civil liberaron o acceso a Baldriz (Cualedro), un pobo illado pola caída dun piñeiro que se derrubou polo peso da neve acumulada. Así llo trasladou a Europa Press o alcalde desta localidade, Luciano Rivero, en alusión a unha incidencia que mantivo incomunicados uns cincuenta veciños.

Rivero púxose en contacto con Protección Civil, que acudiu ao lugar con ferramentas para talar a árbore que bloqueaba a entrada e pasar a máquina quitaneves do concello. Finalmente, Baldriz foi liberado sobre as 10.40 horas. Segundo informou o rexedor, o "maior temor" era que unha persoa se atopase indisposta ou necesitase asistencia médica e non puidese acudir a un centro médico.