Preocupación no persoal investigador pola ausencia das axudas posdoutorais da Xunta neste 2020

Laboratorio da USC (Foto: Arxina).
A posibilidade de continuar unha carreira investigadora depende na Galiza das bolsas públicas. Este ano, o persoal teme que a Xunta decida non convocar as dirixidas a investigadores posdoutorais, deixando no paro a 51 persoas e impedindo a entrada dos novos doutorados e doutoradas. "A investigación non se respecta", lamentan as persoas afectadas.

O 30 de xuño, a Xunta da Galiza anunciou que prorrogaría os contratos posdoutorais do persoal investigador do Sistema Universitario Galego. Onte, a sorpresa destes investigadores e investigadoras foi maiúscula cando souberon que probabelmente parte deles quedarán no paro no mes de decembro.

Sen ningún comunicado oficial, desde a Rede Galega Pola Investigación (Investigal) quixeron saber se a Xunta renunciaba a convocar as bolsas posdoutorais na modalidade A e na modalidade B neste 2020. O persoal administrativo co que contactaron confirmoulles que a Administración galega tomara esta decisión, que xustificaron coa falta duns presupostos aprobados na Cámara galega este ano.

51 profesionais no aire

"Isto crea dous problemas. Por unha banda, os 400 doutorandos e doutorandas que presentaron este ano a súa tese non terán opcións para continuar a súa carreira investigadora. Pola outra, as persoas que levan tres anos na modalidade A quedarán no paro sen saber cando poderán volver traballar", explica a Nós Diario Javier Dubert, puntualizando que na modalidade A o persoal investigador "fórmase durante dous anos nos mellores laboratorios a nivel internacional para logo volver a Galiza e seguir investigando e impartindo docencia".

Os proxectos nos que están inmersos 51 profesionais poderían verse interrompidos en decembro se non se convocan estas bolsas, que a Xunta comprometera nun comunicado a finais de abril "de permitilo as circunstancias". "Estas persoas rematarán da Galiza noutra fuga de cerebros. Non comprendemos que non se aposte polo capital humano nin pola investigación", lamenta Dubert.

Laura Camino é investigadora posdoutoral en Filoloxía e unha das persoas afectadas de non convocárense as axudas neste 2020. "Nun momento como no actual, no que se pon tanta énfase na importancia da investigación , é un paradoxo escoitar dirixentes políticos gabar a ciencia á vez que non a fomentan. A investigación non se respecta". 

Precariedade do persoal

Ambos os dous sinalan que a comunidade investigadora depende deste tipo de bolsas, xa que as propias universidades apenas ofertan prazas. Porén, as mudanzas ano tras ano na data da convocatoria, nas prazas ou no presuposto da mesma dificúltanlles unha mínima previsión e planificación. "Hai unha precariedade estrutural que acabamos asumindo", lamenta Camino.