Negueira de Muñiz convértese nun territorio libre de eólicos

Rede Natura 2000 en Negueira de Muñiz. (Foto: Terras de Lugo)
No debate que levou á aprobación unánime da proposta, subliñouse o “prexudicial que resultaría para o concello a implantación de explotacións eólicas polo grande valor ecolóxico e a fraxilidade ambiental da contorna", explica a Plataforma Stop Eólicos Negueira.

No último pleno do ano 2021 en Negueira de Muñiz, na comarca da Fonsagrada, que decorreu o pasado 20 de decembro, a vila foi declarada como territorio libre de eólicos, após a aprobación da proposta da Agrupación Municipal Negueira Viva, que sumou os votos do Partido dos Socialistas da Galicia, que ten a Alcaldía.

No debate, subliñouse o “prexudicial que resultaría para o concello a implantación de explotacións eólicas”, xustificado polo "grande valor ecolóxico e a fraxilidade ambiental da contorna", explica a Plataforma Stop Eólicos Negueira.

A entidade comunica que a decisión municipal é “unha moi boa nova e espera que anime a outros concellos a facer o mesmo co fin de evitar os danos irreparábeis que causan este tipo de proxectos”.

Recoñecendo que este “é só un pequeno paso na dirección correcta”, fai un chamamento a non “baixar a garda perante a ameaza dos plans das grandes corporacións do sector eléctrico”.

Nese sentido, advirte dunha “ameaza real”, en referencia ao novo parque eólico proxectado na serra de Liñares.

Todo o territorio do municipio forma parte da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e unha gran parte do territorio é Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e está protexido pola Rede Natura 2000, relata a Plataforma, que se basea nesta circunstancia para xustificar a “traxedia” que suporía a construción de parques eólicos.

Asemade, reitera que a vila “aínda conserva na súa memoria as nefastas consecuencias de ter sufrido outro espolio por parte da industria enerxética a mediados da década de 1950” na construción do encoro de Grandas de Salime, que "supuxo a expropiación das terras máis fértiles, e aldeas enteiras quedaron somerxidas baixo as súas augas", ao tempo que incomunicaba as dúas partes nas que quedou dividido o Concello, “condenando a unha das súas ribeiras ao seu case completo despoboamento”.

Unha transición enerxética diferente

Malia recoñecer a necesidade de efectuar unha transición enerxética, a Plataforma oponse a que estea baseada nun modelo “espoliador e depredador”, que non conta con “participación social nin garantías de protección medioambiental”, amais de presentarse “de forma fraudulenta mediante proxectos fragmentados coa finalidade de ocultar o seu impacto real”, resolven.