Os negocios máis orixinais e especializados atópanse na ‘Transversal’

Imaxe da rúa Canuto Verea, unha das zonas con negocios máis orixinais. (Foto: Nós Diario)

Un grupo de empresarias e empresarios coruñeses crean unha plataforma para organizar actividades que creen imaxe de marca. Malia estar no centro da cidade, a fama doutras rúas oculta a súa situación no rueiro. É só unha das iniciativas que están a xurdir na Galiza para impulsar as vendas do comercio de proximidade, xa que o sector apenas conta con axudas específicas.

A hostalaría, e mesmo os hospedaxes, teñen unha maior visibilidade polas restricións ás aperturas ou a limitación de capacidade pola Covid-19. Porén, tamén o pequeno comercio está a sufrir as consecuencias da pandemia e, máis alá das axudas para as persoas autónomas, non reciben impulsos das Administracións nun momento no que confluíron dous cambios na maneira de consumir: houbo unha baixada pola desconfianza da poboación e tamén se detectou unha maior migración cara as compras na internet.

Cando a Xunta impón restricións na capacidade dos estabelecementos tamén inclúe ás tendas e negocios de proximidade, mais estes están a resistir como poden esta nova crise porque nunca acumulan tanta demanda como pode ter un bar ou unha cafetaría.

Dada a falta de axudas e visibilidade por parte das institucións públicas, o sector sabe que ten que renovarse e ofertar cousas diferentes para atraer consumidoras en calquera punto do país. Por iso xorden iniciativas como a de Yolanda Naya e as e os seus compañeiros, que queren darse a coñecer entre a veciñanza da Coruña e crearon a plataforma ‘A Transversal’.

Naya é a primeira que recoñece que se algo define a practicamente todas as empresas situadas nas rúas Canuto Verea e Voluntariado, no pasadizo de San Andrés e na praza da Galera iso é “o orixinalidade”.

Na diferenciación está a chave

“É bastante improbábel que o que mercas nesta zona o poidas atopar noutro sitio da cidade”, reflexiona. Para os que coñecen de preto o comercio coruñés, esa afirmación é moi certa. Pero o problema é que a zona comercial non ten toda a repercusión que lles gustaría.

Malia estar entre a rúa Real e San Andrés, dous puntos céntricos, e ser lugar de paso para todo o mundo, poucos se quedan co nome das rúas e, en consecuencia, con esa imaxe de marca tan súa. Agora, grazas aos coñecementos de marketing de Naya, bautizaron o entorno como ‘A Transversal’ para organizar actividades conxuntas.

Baixo ese paraugas hai 24 estabelecementos de todo tipo (La Liada; Mie Moe; Cajón de Sastre; Loco Blow Tatoo; De Lirios; Platabaluú; The Socks Store; Oliva&Co; Patapalo; Mundo Galego; Ruve; I3D Imprimetresde; Beauty; Comercio Xusto; Richard’s Barbers; Nails Coruña; Banneton; Ave Paraíso; La Esmeralda; Gaolo; Inspiración; The Newlook; O Ceo e O Candil) que queren “transformar a debilidade de ser un sitio de paso nunha oportunidade”.

Naya conta que cando se lle ocorreu a idea de unir forzas, todo o mundo coincidía en que a zona tiña potencial pero “estaba sen explotar” e este é o primeiro paso. Detrás de cada rótulo hai historias de superación, de emprendemento, de loita... Que teñen dereito a saír adiante co apoio das consumidoras, malia que o comercio electrónico estea a gañar forza.

A importancia do comercio local

“Hai que revitalizar o comercio local e se podemos conseguilo faremos algo máis serio con tarxetas de fidelización, sorteos, regalos, cestas... Como fan as grandes cadeas”, destaca a impulsora da ‘Transversal’.

Após dun setembro destinado ás compras vinculadas á escola, queren que outubro e novembro deixen de ser meses parados. O que procura este colectivo é darse a coñecer cunha imaxe, pero tamén acabar coa estacionalidade das compras.

Este mes, desde o 15 de outubro e até o 15 de novembro sortearán 250 euros en premios entre a clientela. En concreto, coas compras ou consumos repartiran papeletas para dúas ceas nos locais O Ceo e O Candil. Tamén están en xogo dous vales de 50 euros cada un para regresar á ‘Transversal’ e darlle un cariño ao comercio de proximidade.

A Naya non lle faltan ideas para este espazo “alternativo, con personalidade propia e negocios de autora”- . Mesmo pensa en montar descontos polo Día de Rosalía. Haberá que agardar a ver como funcionan os primeiros reclamos.